Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

-  O alcalde participou na inauguración das actividades e apelou a tradición vinícola do municipio

-  Celebráronse conferencias e unha cata de caldos da adega valguesa Torres Augusti

IXP1

Valga, 24 de maio de 2022.
O Centro de Interpretación da Caña do País converteuse esta tarde en punto de encontro de adegueiros das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia co gallo dunha xornada divulgativa promovida por seis Grupos de Desenvolvemento Rural, entre eles o GDR Salnés-Ulla Umia.

A xornada tivo como temas centrais o asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o cultivo, asuntos que se abordaron dende o punto de vista lexislativo e técnico e prestando especial atención á IXP Terra de Barbanza e Iria na que está integrada o municipio de Valga. Torres Augusti, adega valguesa, é unha das catro que producen viños amparados por esta IXP, que abarca tamén outros municipios da contorna coma Pontecesures, Catoira, Dodro, a parroquia de Iria (Padrón) e outras localidades da zona do Barbanza.

Unhas cincuenta persoas asistiron ás actividades, que tiñan como lema “Viños que falan de nós” e deron comezo cunha dinámica participativa entre adegueiros e representantes dos GDR para promover o asociacionismo. A continuación celebrouse o acto institucional coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, o presidente do GDR Salnés-Ulla Umia, Juan Manuel Vidal Seage, e o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos.

Bello Maneiro deu a benvida aos participantes e referiuse á tradición vinícola de Valga, que ten como principal expoñente á caña do país, e anunciou que o Concello está a promover xunto a Consellería do Medio Rural a creación dunha zona de plantación de viñedos no municipio.

Ao longo da tarde tiveron lugar conferencias sobre “O novo marco normativo da calidade alimentaria en Galicia”, a cargo de José Luis Cabarcos, e “Implicacións da Lei da cadea alimentaria para as adegas das IXP de Viños de Galicia”, na que falou Xosé Manuel Fernández Castro, da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra. Entre os asistentes ás ponencias atopábase Joanna Stawowy, membro do gabinete do Comisario europeo de Agricultura.

Para rematar a sesión vespertina, tivo lugar unha degustación de viños da adega Torres Augusti. O seu responsable, Manuel Bandín, referiuse aos caldos da IXP Terra de Barbanza e Iria coma “viños atlánticos, con sabor”, unhas características que veñen dadas, en boa parte, polos terreos “bastante graníticos” nos que se atopan as plantacións. Os viños desta IXP elabóranse con uva albariña e en Valga existen varias plantacións nas zonas de Sixto, Louro e Ferreirós.

IXP2 IXP3

IXP4 IXP5

Volver