Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

-  A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu ao grupo en Compostela
- Co obxectivo cumprido e de regreso a Valga, os peregrinos participaron nun xantar de confraternidade

MillSan1

Valga, 22 de maio de 2022.
A maxestosa Catedral de Santiago recibiu aos valgueses que, dende o pasado 9 de abril, percorreron a pé o Camiño Portugués dende Tui. Un total de oito etapas para deixar atrás 117 quilómetros que onte se completaron co último tramo, entre O Milladoiro e Compostela.

Foi a última unha etapa curta, duns nove quilómetros, na que, tras sobrepasar a área comercial do Milladoiro, os peregrinos se introduciron nunha zona de arborado antes de coroar o Agro dos Mosteiros, dende onde albiscaron por vez primeira a silueta da Catedral coas súas torres coma flancos.

Iniciouse entón un descenso cara a Rocha Vella e, despois de cruzar o río Sar á altura da Ponte Vella, accederon a Conxo, pasando a carón da Igrexa de Santa María. Dende aquí os camiñantes enfiaron o último tramo ás portas da cidade xacobea.

O grupo reunificouse á altura da Porta Faxeira para acceder xuntos ao casco histórico percorrendo a Rúa do Franco ata desembocar na Praza do Obradoiro coa emoción do obxectivo cumprido e entre aplausos e berros de “Viva Valga”. Alí, aos pés da Catedral, estaba agardando a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que felicitou ao grupo, especialmente aos peregrinos máis veteranos, Román Castro Torrado, de 94 anos, e Luz Castroagudín Chaves, de 84.

Unha vez na meta, os peregrinos dispuxeron de tempo libre para cumprir cos rituais xacobeos e, tralo regreso a Valga, participaron nun xantar de confraternidade na Mina Mercedes para festexar o final da peregrinación.

Aínda que queda pendente unha cita importante: a misa na Catedral que terá lugar o día 4 de xuño, concelebrada polos párrocos de Valga e cantada pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro. Está prevista, tamén, a actuación da Banda de Música Municipal. As persoas que queiran asistir á cerimonia relixiosa aínda poden inscribirse nas oficinas do Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., enviando cuberta a folla de inscrición que pode descargarse na páxina web municipal (www.valga.gal).

MillSan2 MillSan3

MillSan4

             MillSan5               MillSan6

Volver