Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A obra aborda a antropoloxía galega a partir de tres novelas de Emilia Pardo Bazán

- A autora destacou o “prestixio” do certame que anualmente convoca o Concello coma homenaxe ao fillo predilecto de Valga

LibroPardoBazán1

Valga, 20 de maio de 2022.

A obra gañadora da XXII edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo presentouse esta mañá no Museo da Historia, nun acto que contou coa presenza do alcalde, José María Bello Maneiro, e do concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, que acompañaron á autora, Eva Penedo Vázquez.

O traballo ofrece un achegamento antropolóxico á obra novelística da Condesa de Pardo Bazán dende dúas vertentes distintas. Por unha parte, a autora compilou os fragmentos das novelas nos que aparecen datos relevantes para a etnoloxía galega e, pola outra, elixiu tres novelas significativas para realizar un breve estudo dende unha disciplina pouco coñecida: a etnoliteratura.

Así o explicou ela mesma durante a presentación. “Dona Emilia é un personaxe que admiro moitísimo a nivel literario, histórico e persoal xa que foi unha muller moi adiantada ao seu tempo. Está xa moi traballada e por moi bos investigadores”, pero “eu centreime nunha disciplina pouco común como é a etnoliteratura, que propugna facer unha antropoloxía dende a literatura e non só empregar esta coma fonte primaria”.

A obra de Pardo Bazán “é moi rica en elementos antropolóxicos galegos” de aí que Eva Penedo se decantase por esta autora para realizar o seu traballo, no que, partindo das obras “Bucólica”, “Os pazos de Ulloa” e “A nai natureza”, recréase o mundo antropolóxico galego dos pazos da segunda metade do século XIX, abordando especialmente o mundo da fidalguía, o campesiñado, o clero rural, os menciñeiros, as sabias, os médicos rurais, os funcionarios da época...

A autora agradeceu ao Concello e ao tribunal do premio que “elixisen o meu traballo porque este é un certame que conta con moito prestixio e ao que se presentan investigacións moi importantes e de calidade”.

Pola súa banda, o alcalde e o concelleiro de cultura felicitárona en nome de todos os valgueses pola súa “boa investigación” e destacaron a relevancia do xurado que fallou esa XXII edición do Premio, integrado por importantes especialistas no campo da investigación coma Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos, Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago, Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, e Pablo Sánchez Ferro, membro do Corpo Facultativo de Arquivos e neto de Xesús Ferro Couselo.

Eva Penedo, natural de Vilagarcía pero residente en Santiago, é licenciada en Historia da Arte e Historia, no segundo caso coa concesión dun Premio fin de carreira. Doutorouse en Historia cunha tese sobre antropoloxía e a súa traxectoria profesional centrouse, ata o de agora, no ámbito das bibliotecas e arquivos. Tamén participou documentalmente nunha exposición sobre arquitectura e paisaxe na Cidade da Cultura.

LibroPardoBazán2 LibroPardoBazán3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver