- A actividade enmarcouse no programa “Vexo, veo Xacobeo”, co que a Xunta promove o coñecemento do patrimonio galego
- Os rapaces aproveitaron o percorrido polo fermoso tramo do Monte Albor para recoller lixo
Valga, 19 de maio de 2022.
O alumnado e profesorado do CRA de Valga viviron esta mañá unha xornada educativa diferente co Camiño de Santiago como protagonista. Os rapaces das escolas de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello Xanza e Chenlo percorreron un dos tramos do Camiño Portugués ao seu paso por Valga, con saída dende o albergue de peregrinos de O Pino.
A andaina transcorreu en boa parte polo Monte Albor, un fermoso tramo no que o río Valga exerce de acompañante, ata a área de descanso de Chenlo, onde os nenos aproveitaron para facer unha parada e repoñer forzas cunha merenda. Seguiron despois ata San Miguel, onde visitaron a igrexa neoclásica, para baixar despois ata o parque Irmáns Dios Mosquera, punto final da súa ruta e onde os rapaces gozaron dun tempo de ocio.
Os pequenos peregrinos foron equipados con suadoiros, gorras e chalecos reflectores e, ademais, provistos das súas propias credenciais para ir selando a medida que avanzaban na ruta. Tamén aproveitaron o percorrido para recoller o lixo que foron atopando: plásticos, papeis ou latas, entre outros residuos.
A actividade enmarcouse no programa “Vexo, veo Xacobeo”, co que a Xunta de Galicia trata de achegar aos máis cativos os valores dos Camiños de Santiago e de divulgar e promocionar as distintas rutas a Compostela e seu patrimonio.
Este é o segundo ano que o CRA de Valga realiza este percorrido, que no pasado curso se incluíu dentro do proxecto académico “Valga no Camiño”. As accións arredor do Camiño de Santiago e do Ano Santo 2021-2022 completaranse no mes de xuño cun achegamento a outra das rutas que discorre por Valga: a marítimo-fluvial, facendo o remonte do Ulla en catamarán.