Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- No instituto impártense charlas ao alumnado dende 1º da ESO ata FP Básica

- As accións trasladaranse a partir de abril aos colexios de Baño e Ferro Couselo

plandrogas

Valga, 9 de marzo de 2018.

O Plan de Prevención das Drogodependencias e outras condutas adictivas que o Concello de Valga comparte con Dodro, Padrón e Rois comezou a desenvolver as actividades programadas nos centros educativos de Valga, en concreto no IES onde se imparten sesións co alumnado dende 1º curso da ESO ata FP Básica.

Son catro charlas por aula nas que se ofrece información sobre as drogas, tanto legais como ilegais, e se advirte sobre os seus efectos na saúde e a nivel social. Ademais, axudase aos mozos a adquirir habilidades para enfrentarse á presión grupal, de maneira que conten con argumentos para rexeitar o consumo de substancias nocivas.

Tamén se abordan co alumnado as adiccións relacionadas coas novas tecnoloxías e o abuso das redes sociais, advertíndo sobre os riscos que conleva un mal uso de internet. Nalgunhas destas actividades estase a contar coa colaboración da Garda Civil.

A partir do mes de abril o Plan de Prevención das Drogodependencias comezará a actuar nos colexios de Baño e Cordeiro co alumnado de 5º e 6º cursos de Educación Primaria. Impartiranse charlas centradas nos hábitos de vida e alternativas de ocio saudables.

Por outra parte, estanse a organizar tamén actividades para adultos. Está fixada para o vindeiro 13 de abril unha charla para pais sobre os riscos das novas tecnoloxías e internet. Aínda que terá lugar no Auditorio de Padrón, diríxese a veciños dos catro municipios que promoven o programa.

O Plan prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas dos concellos de Valga, Padrón, Dodro e Rois, constituído en servizo de carácter supramunicipal, está en funcionamento dende o ano 2013. Dous profesionais con formación específica en drogodependencias traballan en cooperación cun equipo multidisciplinar integrado por educadores, traballadores sociais e administrativos dos catro concellos agrupados coa finalidade de atender e canalizar as demandas de información, asesoramento, formación e intervención en relación coas drogas e outras adiccións. A Xunta de Galicia aprobou unha subvención de 46.259,49 euros para as actividades deste programa, o que supón o 95% da financiación necesaria.

Volver