Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Aproveitando a xornada festiva, avánzaronse 15 quilómetros entre Padrón e O Milladoiro
- O sábado rematarán as camiñadas coa chegada do grupo á Praza do Obradoiro

ScaMill1

Valga, 17 de maio de 2022.
Os peregrinos valgueses están xa ás portas de Compostela após completar, baixo unha intensa chuvia, a penúltima etapa do Camiño Portugués, que chegou ata a localidade amesá do Milladoiro.

Aproveitando a xornada festiva do Día das Letras Galegas, o grupo de camiñantes cubriu un traxecto de quince quilómetros que arrancou en Pazos (Padrón) e atravesou o val do Sar, serpeando entre a estrada N-550 e a vía do ferrocarril e avanzando por aldeas e núcleos rurais coma A Escravitude, co seu santuario e a “fonte santa”, ou Santa María de Cruces.

Dende este punto iniciouse unha ascensión constante, primeiro, por A Picaraña e, a continuación, polo Faramello, Francos –pasando pola capela do San Martiño e un dos cruceiros máis antigos de Galicia–, Osebe e Casalonga, previa entrada no Milladoiro, o “humilladoiro” no que os peregrinos se axeonllaban ao albiscar por vez primeira a Catedral.

Quedan apenas nove quilómetros para cumprir o obxectivo e chegar á Praza do Obradoiro. Esta pequena etapa realizarase o vindeiro sábado e, para o día 4 de xuño, terá lugar na Catedral unha misa concelebrada polos párrocos valgueses e cantada pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro. As persoas que queiran asistir á cerimonia relixiosa aínda están a tempo de inscribirse no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., enviando cuberta a folla de inscrición que poden descargar na páxina web municipal.

ScaMill2 ScaMill3

         ScaMill4          ScaMill5

ScaMill6

Volver