- A actividade forma parte da programación municipal con motivo do Día das Letras Galegas
- O espectáculo diríxese ao público familiar e a entrada é de balde
Valga, 16 de maio de 2022.
Tralas actividades da pasada semana nas bibliotecas municipais, a programación con motivo do Día das Letras Galegas continúa co concerto “A miña lingua, a túa lingua”, que terá lugar o sábado, a partir das 19:00 horas, no Auditorio Municipal.
O grupo de música infantil Oviravai protagonizará un espectáculo participativo dirixido ao público familiar, especialmente centrado nos nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos de idade, con cancións en galego e inglés, un idioma que se introduce partindo da nosa lingua.
Oviravai busca que o galego ocupe o tempo de lecer da cativada, ao tempo que acceden ao coñecemento dunha lingua estranxeira e, para iso, propón un espectáculo dinámico, interactivo e divertido, cheo de cancións doadas de lembrar. O grupo está formado por artistas de longa traxectoria na música infantil galega. Da súa man naceron traballos coma “Paio e o poder da música” ou “As andanzas de Paio”.
A actividade organízase no marco do programa FalaRedes, da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, entidade á que está adscrita o Concello de Valga. Con este tipo de iniciativas quérese contribuír á consolidación do uso da lingua galega entre os nenos no seu tempo de lecer e no seu ámbito familiar, axudar ao fomento do hábito lector nos rapaces e a asociar o galego con outras expresións artísticas coma a música ou a poesía.