Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A etapa desta mañá cubriu o fermoso traxecto do Monte Albor ata San Miguel e continou por Pontecesures e Padrón

- Os días 17 e 21 realizaranse as dúas últimas etapas, para completar os 24 quilómetros que faltan para chegar a Compostela

ValSca1

Valga, 14 de maio de 2022.
Un novo grupo duns vinte peregrinos uniuse esta mañá á camiñada por etapas organizada polo Concello de Valga con motivo do Ano Santo 2021-2022.

A etapa de hoxe foi a máis especial dende o inicio da actividade, xa que discorreu en gran parte por territorio valgués. A saída tomouse xusto no límite entre as localidades de Caldas de Reis e Valga, para que os novos peregrinos completasen todo o tramo que discorre polo municipio, pasando de novo por Casal de Eirigo en dirección a O Pino, onde recentemente se executaron obras de mellora do Camiño Portugués, cunha senda peonil para maior seguridade dos camiñantes e unha área de descanso composta por unha marquesiña, mesa e bancos.

Dende este punto, apenas a douscentos metros do albergue, os participantes encamiñáronse cara o fermoso Monte Albor e iniciouse un descenso en paralelo ao río Valga ata chegar a cruzalo á altura do lugar de Chenlo. Foi, sen dúbida, o tramo máis bonito do Camiño.

Os últimos quilómetros por territorio valgués discorreron por San Miguel, pasando xusto ao lado da igrexa neoclásica desta parroquia, e as aldeas de Cimadevila e Fontenlo. No parque deste lugar, o grupo fixo unha parada para degustar unhas larpeiras coas que a Panadería Nieves, de Ferreirós, agasallou aos peregrinos.

Foi a despedida de Valga xa que, pouco despois, o grupo entrou no concello veciño de Pontecesures. Tras cruzar a ponte sobre o río Ulla, de orixe romana, os camiñantes cambiaron de provincia para dirixirse cara o núcleo urbano de Padrón. O Paseo do Espolón –coas estatuas en homenaxe a Camilo José Cela e Rosalía de Castro– ou a igrexa de Santiago –na que se atopa o “Pedrón” – foron algúns dos lugares polos que pasaron. Deixando atrás a parroquia de Iria Flavia, a etapa rematou en Pazos, á altura do Hotel Scala.

O vindeiro martes, día das Letras Galegas, e o sábado 21 realizaranse as dúas últimas etapas do Camiño, para cubrir os 24 quilómetros que quedan ata Santiago. Ademais, o 4 de xuño, ás 17 horas, terá lugar na Catedral unha misa concelebrada polos párrocos valgueses e cantada pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro. As persoas que queiran asistir á cerimonia relixiosa aínda están a tempo de inscribirse no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., enviando cuberta a folla de inscrición que poden descargar na páxina web municipal.

ValSca2 ValSca3

ValSca4 ValSca5
ValSca6 ValSca7

Volver