- Os gañadores das dúas modalidades daranse a coñecer a finais de xullo

- O día 20 de maio presentarase o libro vencedor da pasada edición, de Eva Penedo Vázquez

premioferrocouselo

Valga, 12 de maio de 2022.

Un total de cinco traballos optan a gañar a XXIII edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo nas súas dúas modalidades. O prazo para participar rematou o pasado 25 de abril.

Son catro as investigacións que optan a gañar a primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As bases do certame establecen que as obras deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreu un traballo. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu proxecto, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Os gañadores do premio daranse a coñecer o día 30 de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo. Previamente reunirase o xurado, que estará constituído por especialistas no campo da investigación designados pola Comisión de Cultura do Concello, que se reservará para si a Presidencia e a Secretaría.

Este certame busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.

Na última edición, a gañadora foi Eva Penedo Vázquez co traballo “Dona Emilia Pardo Bazán, cando a literatura se converte en antropoloxía”. Este libro presentarase o vindeiro 20 de maio no Auditorio do Museo da Historia.

boton auditorio

boton edificio usos admin

boton casa cultura

boton codi

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bandos

boton bella otero

boton rueiro

boton directorio

boton tempo

Volver