Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alumnado elaborou obxectos e produtos relacionados con profesións coma as de mariñeiros, cesteiros, acibecheiros ou gandeiros

- Mañá continúan as actividades co espectáculo “Saaabor!”, con maxia, humor, música e gastronomía

FeiraBaño1

Valga, 12 de maio de 2022.

O CEIP Baño-Xanza está a conmemorar o Día das Letras Galegas con varias actividades culturais, educativas e lúdicas que hoxe tiveron como principal expoñente unha feira de artesanía centrada no proxecto que veñen desenvolvendo durante todo o curso: os oficios tradicionais de Galicia.

O alumnado do centro preparou varios stands centrados en profesións coma as de ferreiro, palilleiras, mariñeiros, cesteiros, acibecheiros, gandeiros, artesáns musicais e do coiro. Empregando, principalmente, materiais de refugallo elaboraron obxectos e produtos relacionados con estes oficios e explicaron ao resto da comunidade educativa o proceso, materiais e ferramentas empregados.

Esta actividade continuará mañá, nas primeiras horas lectivas, con varios obradoiros sobre os diferentes oficios e, a partir das 12, está programada unha actuación a cargo de Culturactiva Producións. No patio do colexio representarán a obra “Saaabor”, un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.

FeiraBaño2 FeiraBaño3

FeiraBaño4

Volver