Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Implantarase progresivamente en toda a Educación Secundaria Obrigatoria, comezando polo 1º curso

- O alumnado disporá de computadores portátiles e impartiranse con esta metodoloxía ata seis materias

vistaiesvalga

Valga, 12 de maio de 2022.

O IES de Valga incorporarase no vindeiro curso académico 2022/2023 ao proxecto de educación dixital E-Dixgal, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidades.

O programa implantarase progresivamente en toda a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), comezando polo primeiro curso. “O alumnado disporá dun moderno computador portátil -con función tamén de tablet- que vai poder levar ao seu domicilio para poder realizar as tarefas encomendadas”, explica o director do IES, Eliseu Mera. “O IES de Valga comprométese a que un mínimo de seis materias de cada curso van ser traballadas con esta metodoloxía. Por conseguinte, para 2022-2023, o alumnado traballará con materiais dixitais en Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Tecnoloxía e Dixitalización, Educación Plástica, Visual e Audiovisual, Educación Física, Proxecto Competencial e Relixión”, engade.

Esta nova acción encádrase dentro da aposta do instituto por se situar na vangarda da oferta educativa en Ciencia e Tecnoloxía, á que se suma o Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMbach) e ser un dos vinte e dous institutos de referencia en dixitalización pertencentes á Rede Galega de Educación Dixital.

O centro prevé participar tamén no proxecto “Polos creativos” para habilitar un laboratorio tecnolóxico á disposición do alumnado de todos os niveis educativos.

Eliseu Mera agradece ao conxunto do Claustro e da comunidade educativa "o seu inmenso esforzo para situar Valga na primeira liña da innovación, a fin de que o seu alumnado poida ter as mesmas oportunidades có dos territorios máis privilexiados".

Volver