Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O primeiro tramo por territorio valgués discorreu por pistas rurais da parroquia de Setecoros, ata chegar a Casal de Eirigo

- A vindeira semana uniranse ao grupo outra vintena de persoas para percorrer os 36 quilómetros que faltan ata Compostela

BriVal1

Valga, 7 de maio de 2022.
A peregrinación a Santiago organizada polo Concello superou o ecuador ao completar esta mañá a quinta etapa, coa chegada do grupo a Valga despois de percorrer uns trece quilómetros.

A camiñada retomouse en Briallos, onde rematara a etapa anterior, e dende alí os peregrinos avanzaron polas parroquias caldenses de Arcos da Condesa e Santa María antes de chegar ao núcleo urbano da vila termal, coa fonte da burga, a igrexa de Santo Tomás, a praza das Palmeiras ou a ponte sobre o río Bermaña, de orixe romana, como algúns dos puntos máis salientables polos que pasa a Ruta Xacobea.

Tras abandonar o centro de Caldas pola zona de San Roque, a peregrinación continuou polas parroquias de Bemil e Carracedo para cruzar a estrada N-550 á altura de Casalderrique e, uns metros máis adiante, entrar no termo municipal de Valga. Estes primeiros quilómetros por territorio valgués discorreron por pistas rurais da parroquia de Setecoros, en paralelo á autoestrada AP-9 ata chegar a Casal de Eirigo. Alí, e cun recibimento espectacular a cargo da asociación Heroes de Casal de Eirigo, púxose punto e final á etapa, xusto á altura do fito que indica que faltan 36’620 quilómetros para chegar a Compostela.

Estes cubriranse nas próximas tres etapas, nas que se sumarán ao grupo outra vintena de peregrinos. A chegada a Santiago está prevista para o día 21 de maio, e o 4 de xuño, ás 17 horas, terá lugar na Catedral unha misa concelebrada polos párrocos valgueses. As persoas que queiran asistir á cerimonia relixiosa aínda están a tempo de inscribirse no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., enviando cuberta a folla de inscrición que poden descargar na páxina web municipal.

BriVal2 BriVal3

BriVal4

Volver