- A mostra “Aestas” pode verse no edificio municipal durante todo o mes de maio
- O alcalde e a concelleira Begoña Piñeiro asistiron onte á inauguración
Valga, 6 de maio de 2022.
A artista viguesa Sara Núñez Álvarez achega a súa obra a Valga a través da exposición de pintura “Aestas”, que pode verse durante este mes de maio no Auditorio Municipal. A mostra foi inaugurada onte coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Begoña Piñeiro.
Sara Núñez pinta “dende que teño uso de razón” e estudou Belas Artes. A colección que trae a Valga está formada por unha ducia de cadros (óleos sobre táboa) feitos especificamente para esta exposición e “inspirados nos recordos que teño dos meus veráns da infancia, cando non tiña máis obrigas que vivir e estar en contacto coa natureza”, explica.
Membros da súa familia, mascotas, distintos elementos da natureza... protagonizan os cadros. “Moitos están inspirados no pobo de meus avós, Muíños (Ourense), e outros na costa, na zona de Vigo”, de onde é a artista. Son cadros alegres, dinámicos e con colores vivos, todos eles de pequeno formato. “Non adoito traballar moito este tamaño pero nesta ocasión gustoume porque son coma ventás ou pequenos momentos”, comenta Sara Núñez.
Durante a inauguración actuaron as alumnas do Centro Superior de Música (CSM Galicia) Paula Díaz (clarinete) e Adriadna Landrove (frauta), que interpretaron Rondo e o segundo movemento do Concerto nº1 de Mozart, acompañadas ao piano por Paula Gago.