Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A programación presentouse esta mañá en Bronllo, onde se instalou unha valla promocional de 3x2 metros

- Mantense o desfile de tropas e haberá degustación de rosquillas e unha queimada popular

PresentaciónBatalla1

Valga, 5 de maio 2022.

Casal de Eirigo plantará de novo cara ao exército francés. Despois de dous anos sen poder recrear, debido á pandemia, a batalla da Guerra da Independencia, esta aldea de Setecoros volverá a ser escenario do enfrontamento entre os soldados de Napoleón e as alarmas locais. Será o vindeiro 28 de maio, coa Capela da Saúde como testemuña e cun programa que pretende volver á orixe desta festa histórica, iniciada en 2009, cando se cumpriu o bicentenario da Batalla.

A programación presentouse esta mañá en Bronllo, onde se instalou unha valla de tres metros de ancho por dous de alto para promocionar a celebración. Asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, a edila Carmén Gómez e representantes da asociación Heroes de Casal de Eirigo, ataviados cos traxes dos dous bandos que se enfrontarán na recreación.

As actividades previstas para o sábado 28 darán comezo ás 17:00 horas coa recepción de autoridades e o desfile das tropas participantes. Alarmas de Pontecaldelas, Pontesampaio, San Antoíño de Mos, a asociación Casco Vello de Vigo e o grupo “A Troula” de Portas serán os reforzos cos que conten as alarmas locais para plantarlle cara ao exército francés.

O izado e xuramento de bandeiras e a homenaxe aos caídos darán paso ao acto central da tarde: a escenificación da batalla que se librou na zona no ano 1809.

A partir das 19:30 horas será o momento da parte máis lúdica da programación, co espectáculo “O afiador” a cargo do Mago Teto e as actuacións da Banda de Música Municipal de Valga e do grupo folclórico Xarandeira de Pontecesures. O apartado musical terá como colofón o concerto de Astarot.

O grupo do Morrazo, integrado por Juan A. Antepazo (voz principal), Carlos Gandón (guitarras e voz), Loren Tevra (guitarras e voz), Carlos Cordal (baixo) e José M. Piedra (batería), ofrecerá un espectáculo dunhas dúas horas co seu peculiar estilo de rock fusionado con música celta. Fará un repaso por algúns grandes clásicos galegos e por temas dos seus nove discos; o último, “Baixo a luz de Breogán”, recén publicado para celebrar o 39 aniversario da banda. Este traballo homenaxea a autores que marcaron a literatura en lingua galega, coma Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Xela Arias ou Castelao.

A programación da Batalla ten reservado tamén un oco á gastronomía, con degustación de rosquillas durante a tarde e unha queimada popular a partir das doce da noite.

Durante a presentación, o alcalde fixo fincapé en que, despois de dous anos nos que esta recreación non puido celebrarse debido á pandemia, é momento de “volver a organizar e recuperar festas porque o pobo necesita tamén actividades para desfrutar”.

En representación da asociación Heroes de Casal de Eirigo, Tito Rodríguez indicou que “esta edición é especial porque é un rexurdir, unha volta a empezar despois destes dous anos” e animou a veciños e xentes doutras localidades a vir pasar a tarde-noite do día 28 a Casaldeirigo para render homenaxe aos valgueses que, hai 213 anos, tomaron parte nestes feitos históricos. “Énchenos de orgullo que isto pasara aquí e estamos felices de poder lembrar aos nosos antepasados ”, concluíu.

PresentaciónBatalla2 PresentaciónBatalla6

Batalla2022

Volver