- Residentes desta parroquia atravesada pola estrada nacional solicitan a redución da velocidade, pasos de peóns e melloras en varias interseccións
- Tamén se aprobaron a incorporación de Pontecesures ao Centro de Información á Muller
Valga, 4 de maio de 2022.
A Corporación municipal respaldou, por unanimidade, no Pleno celebrado este luns a reclamación de maior seguridade viaria na N-550 presentada polos veciños de Setecoros, que reuniron, ademais, 500 sinaturas de residentes desta parroquia, que é atravesada pola estrada nacional.
A Plataforma de afectados pola seguridade viaria e peonil na N-550 solicitaron por escrito ao Concello o seu apoio, posto que os veciños vense obrigados a “cruzar constantemente esta vía cunha grande intensidade de tráfico e límites de velocidade elevados (70 e 90 km/h) sen ningún tipo de paso seguro”. Ademais, nesta zona existen un albergue de peregrinos e múltiples establecementos que non dispoñen de pasos de peóns, así coma cruces que unen partes importantes da parroquia e que comunican o municipio con outras localidades.
As solucións que os afectados reclaman ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que é o titular e responsable da estrada, inclúen
- Reducir a velocidade a 50 km/h nas zonas de Outeiro, O Pino e As Cernadas.
- Sinalizar pasos de peóns nos seguintes lugares:
- O Pino, para dar servizo ao albergue de peregrinos, aos usuarios do transporte escolar e público e aos clientes dos establecementos existentes na zona.
- Nas Cernadas, para comunicar unha zona moi concorrida de paso entre os cruces de Reguengo/Cerneira e de Cuntis
- Execución do acceso xa aprobado entre Serrerías Rodríguez e a parrillada Criollo (p.k. 89’400), recortando un dos tres carrís existentes nese punto da N-550. Este proxecto foi aprobado definitivamente polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (antes Ministerio de Fomento) o 20 de xuño de 2017 estando dende entón á espera da licitación das obras.
- Novo acceso para a pista Magariños-Outeiro/Medela.
- Acceso para a pista de saída das vivendas nº 2 e 3 de Outeiro a través do carril lento.
- Mellora dos accesos nas Cernadas, tanto para a estrada de Cuntis coma cara a Igrexa/Cerneira.
Hai que ter en conta que, o Concello de Valga ven solicitando dende hai anos e de forma reiterada ao Goberno Central a execución de obras de mellora da seguridade viaria na N-550 ao seu paso polo municipio, tales coma no pintado de pasos de peóns, a instalación de semáforos ou a construción dunha senda peonil. Estas actuacións foron reclamadas en numerosas ocasións tanto ao Ministerio, coma ao Delegado do Goberno en Galicia e á Subdelegada en Pontevedra.
No Pleno ordinario tamén se aprobou por unanimidade a incorporación de Pontecesures ao convenio do Centro de Información á Muller (CIM), do que ata agora formaban parte Moraña e Valga. Aínda así, o centro xa prestaba servizo a persoas doutros municipios limítrofes, entre eles Pontecesures, que agora fai oficial a súa incorporación.
Cos votos a favor do grupo de goberno e o concelleiro das Mareas tamén saíu adiante a cesión á Consellería do Medio Rural dunha parcela para instalar unha base contra incendios forestais.
A parte resolutiva da sesión pechouse coa aprobación da constitución da asociación “Mar de Santiago” co obxectivo de poder acceder a subvencións doutras administracións coas que continuar desenvolvendo este proxecto turístico. O punto foi apoiado polo grupo de goberno, mentres que PSOE e Mareas abstivéronse.
Para rematar o Pleno, deuse conta á Corporación do informe sobre o plan orzamentario para os exercicios 2023-2025 e do informe sobre a remisión do orzamento municipal de 2022.