Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A etapa avanzou en paralelo á estrada N-550, por pistas e zonas de monte propias do rural galego

- A vindeira semana terá lugar a chegada a Valga, onde se unirán á ruta outra vintena de peregrinos

PonBri1

Valga, 1 de maio de 2022.
Os peregrinos valgueses chegaron xa á comarca do Ulla-Umia despois de completar unha nova etapa do Camiño Portugués, a cuarta, entre Pontevedra e Briallos (Portas).

Na camiñada de onte a expedición deixou atrás a cidade do Lérez e seguiu a ruta por varios núcleos rurais das parroquias de Alba e Cerponzóns, ata adentrarse na localidade de Barro e, a continuación, Portas, onde se interrompeu a peregrinación ata o vindeiro sábado.

Nunha mañá solleira, a etapa discorreu en paralelo á estrada N-550 –nalgúns puntos coincidente co trazado do Camiño– con tramos de pistas e zonas de monte propias do rural galego. Foron uns 18 quilómetros de traxecto, con algúns desniveis, aínda que non de grande consideración.

Restan catro etapas e arredor de 45 quilómetros para chegar á meta na Praza do Obradoiro. Os dous próximos tramos discorrerán pola comarca do Ulla-Umia, atravesando os concellos de Caldas, Valga (onde se unirá ao grupo outra vintena de persoas) e Pontecesures. A chegada a Santiago está prevista para o 21 de maio e o día 4 de xuño celebrarase unha misa na Catedral concelebrada polos párrocos nados en Valga.

As persoas que queiran realizar o traxecto entre Valga e Santiago ou asistir á misa aínda poden inscribirse no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., enviando cuberta a folla de inscrición que poden descargar na páxina web municipal.

PonBri2 PonBri3

PonBri4 PonBri5

Volver