- Restan cinco etapas para completar a ruta a Compostela, que rematará día 21 de maio
- A inscrición para participar no tramo Valga-Santiago e para a misa do 4 de maio aínda está aberta
Valga, 23 de abril de 2022.
A chuvia foi a convidada da terceira etapa da peregrinación a Santiago organizada polo Concello, que se realizou esta mañá. A auga acompañou aos camiñantes durante boa parte do traxecto entre Redondela e Pontevedra, más de dezaoito quilómetros no que quizais sexa o tramo máis duro do percorrido polo Camiño Portugués, que deu comezo en Tui o pasado 9 de abril.
A etapa discorreu pegada á Ría de Vigo e tamén, en parte, pola antiga vía romana XIX. Subidas duras, coma a da Canicouva, e tamén baixadas pronunciadas puxeron a proba aos peregrinos, que pasaron por lugares coma Cesantes, Arcade ou a histórica ponte de Pontesampaio sobre o río Verdugo. A cidade do Lérez marcou o punto e final á camiñada de hoxe, un novo chanzo superado na ruta cara Santiago.
Quedan aínda por diante cinco etapas da peregrinación, organizada polo Concello con motivo do Ano Santo 2021-2022. O próximo sábado cubrirase o traxecto entre Pontevedra e Briallos (Portas) e, para as fins de semana seguintes, están programados os tramos Briallos-Casal de Eirigo, Casal de Eirigo-Hotel Scala (Padrón), Scala- Milladoiro e Milladoiro-Praza do Obradoiro. Ademais, o día 4 de xuño terá lugar unha misa na Catedral de Santiago concelebrada polos párrocos de Valga.
As persoas que queiran sumarse ao grupo no traxecto entre Valga e Santiago e aquelas que queiran asistir unicamente á misa aínda poden inscribirse no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., enviando cuberta a folla de inscrición que poden descargar na páxina web do Concello.