- A comezos de abril acadou a medalla de ouro no Campionato nacional de Xóvenes Promesas en categoría cadete
- Iniciouse neste deporte aos 10 anos e agora compite co Club Náutico de Pontecesures
Valga, 13 de abril de 2022.
A piragüista valguesa Nerea Novo Romero vén de proclamarse campioa de España de C1 na categoría cadete A na distancia de 5.000 metros no Campionato de Xóvenes Promesas celebrado a comezos de abril en Sevilla, no que se deron cita máis de 1.000 participantes de 106 clubes de todo o país.
A moza de Outeiro (Cordeiro) foi recibida esta mañá no Concello polo alcalde, José María Bello Maneiro, e pola concelleira Carmen Gómez, que a felicitaron por este logro deportivo, que non é o primeiro. Hai un ano, cando era cadete B, xa acadara a medalla de prata e, no verán, no Campionato de España de Sprint celebrado en Asturias, logrou o primeiro posto en 500 metros e foi tamén campioa nacional en C4.
Sobre estes logros, que sitúan o nome de Valga no máis alto do piragüismo amateur, Nerea Novo conversou cos representantes do goberno municipal, que a animaron a “seguir adestrando con ánimo nos bos momentos coma este e, igualmente, cando as cousas non saian tan ben”.
Aos seus 15 anos, Nerea leva xa cinco practicando piragüismo. “Empecei en Catoira con miña prima, que me animou a probar” e, aínda que fixo unha breve parada para practicar fútbol, regresou despois á canoa enrolada no Club Náutico de Pontecesures, no que continúa na actualidade.
Nerea compaxina o piragüismo cos seus estudos. “É complicado, pero Intento adestrar todos os días arredor de dúas horas e media” coa única excepción do domingo. Nestas festas de Semana Santa tamén ten tarefa xa pensando no seu próximo reto, a Copa de España cadete que se disputa a mediados de maio en Verducido (Pontevedra).
“Este é un deporte duro”, di a moza valguesa sobre o piragüismo. “No inverno fai frío, aínda que este ano tivemos a sorte de que non houbo riada, pero cando un se engancha lévase ben”. Conta co apoio de toda a súa familia e achegados, que “están moi contentos e orgullosos despois de todo o traballo feito”.