- Estase a realizar unha valoración dos danos para presentar denuncia ante a Garda Civil
- Os Concello pide aos veciños que comuniquen calquera dato que poida axudar a localizar aos autores do furto
Valga, 12 de abril de 2022.
Os espazos públicos municipais acaban de sufrir unha nova acción dos ladróns. Nesta ocasión trátase da fervenza de Parafita, onde esta fin de semana se descubriu un roubo de madeira da varanda de seguridade instalada no camiño de acceso a este espazo natural.
O ladrón ou ladróns arrancaron case cen metros de listóns redondos de madeira tratada no tramo comprendido entre a zona de estacionamento e o bordo do río. Esta zona conta cunha varanda colocada na marxe esquerda do camiño para protexer os visitantes de posibles caídas, xa que existe un pronunciado desnivel.
A Policía Local estivo no lugar comprobando o alcance do roubo e o Concello está a elaborar unha valoración dos danos para presentar a correspondente denuncia ante a Garda Civil. “É lamentable que sucedan estas cousas. Hai poucos meses que realizamos dúas importantes inversións na fervenza para repoñer as varandas e a pasarela, con financiación do Concello, da Xunta e da Deputación, e agora atopámonos con esta desagradable sorpresa”, indica o alcalde.
O goberno local pide aos veciños, tanto de Valga coma doutros concellos da contorna, que comuniquen calquera dato que poida axudar a esclarecer este feito delituoso e a identificar ao autor ou autores. “Se alguén viu pola zona un camión, ou calquera outro vehículo (furgón ou remolque) que puidera servir para transportar a madeira, ou se detectan que alguén está a construír ou peche ou outra instalación con este tipo de madeira, pedímoslles que o poñan en coñecemento do Concello. Calquera dato, por pequeno que sexa, pode axudar”.