- O alcalde e o concelleiro de Cultura recibiron no Concello ao autor da obra, Miguel Ángel Martínez Coello
- A publicación inclúe 800 ilustacións, das que 56 son orixinais feitas polo autor, e documentación de diferentes países do mundo
Valga, 4 de abril de 2022.
Valga acollerá a presentación oficial dunha nova publicación sobre a figura da Bella Otero. Trátase do libro “A Bela Otero”, de Miguel Ángel Martínez Coello, que mantivo unha xuntanza no Concello co alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e o técnico responsable do Museo da Historia, Santiago Chenlo, para pechar algúns dos detalles do acto, previsto para finais do mes de xuño.
A obra, editada pola Fundación Martínez Coello, foi presentada a finais do mes de febreiro na Facultade de Ciencias Emrpesariais e Turismo do Campus de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo. Tratouse dun acto de carácter académico, pero o autor quere que a presentación formal do libro se celebre en Valga, vila natal de Carolina Otero, á que cualifica coma “a muller máis impresionante do mundo na primeira década do século XX, xa que cada vez que movía ficha era noticia en toda a prensa mundial”.
“A Bela Otero” é froito de más dunha década de traballo en busca de documentación. O resultado é un libro con 56 capítulos, 800 ilustracións (entre elas 56 orixinais feitas polo propio autor) e documentos de países coma Estados Unidos, Francia ou Australia, entre outros. En total, 360 páxinas nas que se aborda a vida de traxectoria da bailarina da Belle Époque, á que Martínez Coello quere poñer en valor coma unha muller emprendedora, “coa súa propia personalidade, moi feita á súa maneira e á que non lle importou enfrontarse con nada”.
Na xuntanza desta semana no Concello, Miguel Ángel Martínez estivo acompañado por Celso Pumar, presidente de Aulas de Formación Aberta do Campus de Ourense. O alumnado deste colectivo e do Programa Universitario de Maiores visitará Valga con motivo da presentación do libro para coñecer o Museo da Historia e outros dos recursos culturais, naturais e turísticos cos que conta o municipio.