- A actividade dará comezo a vindeira fin de semana cunha etapa de 18 quilómetros entre Tui e O Porriño
- Os veciños que queiran realizar o tramo entre Valga e Santiago aínda poden inscribirse ata a primeira semana de maio
Valga, 1 de abril de 2022.
Oitenta persoas inscribíronse para peregrinar a Santiago dende Tui polo Camiño Portugués. O Concello organiza esta actividade con motivo do Ano Santo 2021-2022 e será o vindeiro sábado, 9 de abril, cando dean comezo as camiñadas cunha etapa de 18 quilómetros entre a localidade tudense e O Porriño.
Os participantes serán recollidos no entorno da Mina Mercedes ás 7:30 horas para poñer rumbo a Tui en autobús para iniciar a peregrinación, que se divide en oito etapas:
- Sábado 9 de abril, Tui - Porriño: 18 quilómetros
- Sábado 16 de abril, Porriño - Redondela: 15 quilómetros
- Sábado 23 de abril, Redondela - Pontevedra: 18 quilómetros
- Sábado 30 de abril, Pontevedra - Briallos: 18 quilómetros
- Sábado 7 de maio, Briallos – Casaldeirigo (límite de Valga): 15 quilómetros
- Sábado 14 de maio, Casaldeirigo - Hotel Scala (Padrón): 12 quilómetros
- Martes 17 de maio, Hotel Scala - Milladoiro: 15 quilómetros
- Sábado 21 de maio, Milladoiro - Praza do Obradoiro: 9 quilómetros
Os veciños que queiran sumarse á peregrinación nas últimas tres etapas, para realizar o traxecto entre Valga e Santiago, aínda teñen de prazo para inscribirse ata a primeira semana de maio. Tamén segue aberta a inscrición para aquelas persoas que queiran asistir unicamente á misa que se celebrará na Catedral de Santiago o día 4 de xuño. A data de fin do prazo anunciarase proximamente.
Para participar é preciso cubrir a folla de inscrición cos seguintes datos: nome e apelidos, domicilio, DNI e teléfono de contacto. En caso de menores de idade, a ficha tamén debe incluír os datos do adulto responsable que os acompañará na peregrinación.
Esta folla entregarase debidamente cuberta e asinada no Concello ou enviarase ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..