Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o concelleiro de Cultura mantiveron unha xuntanza con representantes da asociación Heroes de Casal de Eirigo para tratar temas organizativos

- O obxectivo é reformular a programación, sempre partindo da recreación da batalla como acto central

Batalla19ok

Valga, 28 de marzo de 2022.

Valga recuperará neste 2022 as súas principais citas festivas despois de dous anos nos que a pandemia da Covid-19 impediu que apenas houbera celebracións, máis aló de determinadas actividades con control de aforo con motivo da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

A primeira gran cita festiva post-pandemia será a Recreación da Batalla de Casal de Eirigo, que terá lugar o 28 de maio. O alcalde, José María Bello Maneiro, a tenente alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, mantiveron unha xuntanza con membros da directiva da asociación Heroes de Casal de Eirigo para comezar a perfilar as distintas actividades que poderían formar parte do programa.

Neste encontro déronse os primeiros pasos en cuestións organizativas e expuxéronse as primeiras ideas de iniciativas culturais e lúdicas que poderían desenvolverse. “Despois de dous anos sen celebrarse, o obxectivo é reformular a festa, sempre partindo da recreación da batalla como acto central e sen que falten actuacións musicais e actividades de entretemento para todos os públicos”, explica o concelleiro de Cultura.

Nas próximas semanas terán lugar novas xuntanzas para ir concretando propostas.

A Batalla de Casal de Eirigo tivo lugar no ano 1809 nesta aldea da parroquia de Setecoros, no entorno no que actualmente se erixe a Capela da Saúde, como parte da Guerra da Independencia e enfrontou aos veciños da zona co exército de Napoleón. As alarmas locais demostraron a súa ousadía e valor para, con armas improvisadas e rudimentarias, facer fronte ás preparadas tropas francesas.

Volver