Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O acto de recoñecemento tivo lugar esta tarde no Auditorio Municipal como parte da programación polo Día da Muller

- O alcalde transmitiu o “orgullo” de todo o pobo de Valga pola solidariedade demostrada polas costureiras

Costureiras1

Valga, 13 de marzo de 2022.

O Concello homenaxeou esta tarde a dezaseis mulleres de Valga que, durante os momentos máis duros da pandemia, se prestaron voluntarias para confeccionar, de xeito totalmente desinteresado, mascarillas coas que protexer á poboación cando, pola súa escaseza, estas non eran accesibles para todos.

O acto tivo lugar no Auditorio Municipal como parte da programación con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemorou o día 8 de marzo, e as homenaxeadas foron:

  • Avelina Casal Guimarey, de Vilares (Valga)
  • Emilia Ríos Gómez, de Sixto (Xanza)
  • Josefa Caamaño Castiñeiras, de Cimadevila (Valga)
  • Josefina Santiago Figueira, de Senín (Xanza)
  • Mª Ángeles Pérez Gómez, de Avenida da Coruña (Valga)
  • Mª Carmen Montes Solla, da Avenida da Coruña (Valga)
  • Mª Carmen Villar Villaverde, de Senín (Xanza)
  • Mª Esther Piñeiro Busto, de Forno (Cordeiro)
  • Mª Esther Campos Curros, de Laxes (Cordeiro)
  • Mª Milagros Miguéns Iglesias, de Sixto (Xanza)
  • Mª Pilar Carreira Carreira, de Forno (Cordeiro)
  • Mª Soledad Sánchez González, de Barro (Cordeiro)
  • Mª Teresa Otero Grela, de Rúa Nova (Campaña)
  • Manuela Rodríguez Couselo, de Casanova (Cordeiro)
  • Margarita Pardal Piñeiro, de San Miguel (Valga)
  • Sonia Paz Rey, de Casaldeirigo (Setecoros)

Costureiras, modistas, coñecedoras de corte e confección, traballadoras do sector téxtil...Todas elas asinaron no Libro das Mulleres e recibiron do alcalde, José María Bello Maneiro, e da concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, unha insignia coa imaxe da Bella Otero, un ramo de flores e uns xabóns elaborados polos usuarios do CODI.

O alcalde lembrou que, “nun momento de dificultade extrema, estas mulleres ofrecéronse voluntarias e dedicaron o seu tempo e esforzo a protexer a saúde dos valgueses, e por iso sentímonos orgullosos delas”. Begoña Piñeiro engadiu que este grupo de costureiras “tomaron a iniciativa e puxeron en marcha a súas máquinas” cando, en marzo de 2020, se decretou o Estado de Alarma, nun momento no que “as máscaras eran un ben moi prezado” e moi difícil de atopar. Por iso, continuou a concelleira, “aínda que foron días moi duros, tamén foi moi bonito ver como se formou esa rede que nos fixo saír adiante. Agora as máscaras sobran e aparecen tiradas polas cunetas, pero nunca debemos esquecer que, no ano 2020 e en plena pandemia, dezaseis mulleres ofreceron o seu tempo, dedicación e solidariedade para protexer aos valgueses da Covid-19”.

Begoña Piñeiro indicou, na súa intervención, que “a igualdade é un principio que nos debe unir como sociedade” e lamentou que “a fenda entre homes e mulleres sega a ser grande”. Neste sentido, lembrou que aínda son maioritariamente as mulleres as que renuncian ao traballo para coidar aos fillos, que a diferencia salarial entre xéneros é aínda salientable e que, aínda que as mulleres representan máis do 50% dos graduados nas universidades, son minoría nos postos directivos das empresas.

En representación do grupo de homenaxeadas tomou a palabra Mª Pilar Carreira, quen afirmou que “estamos orgullosas de ter axudado ao pobo de Valga naqueles momentos tan difíciles. Como mulleres demostramos que podemos saír adiante nesta e noutras situacións”.

O acto pechouse cunha actuación do trío de trompas formado por Laura Arribas, Noelia Gómez e María Padín, da Escola de Música Municipal.

Costureiras2 Costureiras3

Costureiras6 Costureiras9

Volver