Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Quince alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato demostraron que están igual de capacitadas que os homes

- Sara Iglesias, única alumna do ciclo de Soldadura e Caldeirería: “Os meus profesores dicíanme que me arrepentiría da elección, pero grazas á miña personalidade seguín adiante”

soldadura2

Valga, 7 de marzo de 2018

A igualdade tamén se promove soldando ou, cando menos, así sucedeu hoxe no IES de Valga, que conmemorou o Día Internacional da Muller organizando o I Campionato de Soldadoras no que participaron alumnas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato. Promocionar o Ciclo de Soldadura entre as mulleres e denunciar que a excesiva masculinización desta profesión non é cuestión de capacidades, senón que se debe a inercias culturais e de tradición, foron os obxectivos da proba que as estudantes superaron con nota e, sobre todo, con moitas ganas.

Unha preselección inicial deu paso ao concurso no que participaron un total de quince alumnas que tiveron que facer un cordón de soldadura por fío mediante o procedemento MAG. A tarefa estivo supervisada por Jesús López, profesor do Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería e do Ciclo Superior de Construcións Metálicas. Neles só hai unha muller, destaca. “Este é un traballo tradicionalmente de homes e queremos demostrar que as mulleres están igualmente capacitadas”.  O director, Roberto Barral, engade que “a masculinización destes ciclos non se basea en ningunha razón obxectiva. Entre todos temos que cambiar a visión da sociedade, comezando dende o ensino”.

Ainoa Castro proclamouse campiona e Alba Fernández acadou o segundo posto. Recibiron cadanseu diploma e foron gratificadas con 50 e 25 euros respectivamente. Pero o importante non foi a clasificación senón a ensinanza que a experiencia supuxo para as participantes. “Era a primeira vez que soldaba e, despois de facelo, ata me plantexo estudar o ciclo. Debería haber máis mulleres nesta profesión”, sostén Ainoa Castro.

soldadura1 soldadura3

Non sería de estrañar, por tanto, que algunhas das competidoras sigan nun futuro os pasos de Sara Iglesias. Esta veciña de Rois de 19 anos de idade é a única muller no Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería que se imparte no IES de Valga. “E creo que son a única de Galicia”, matiza. Por que soldadura?, é a pregunta que sempre lle fan e, como sucede con case todo, foi por casualidade.

“Cando estaba en 1º ou 2º da ESO a verdade é que non tiña na cabeza ningunha profesión que me interesara especialmente. Un día vin que un amigo tiña un folleto de orientación no que aparecía este ciclo. Eu no o tiña, a min déranme outros de perruquería e química. Chamoume a atención e empecei a ver vídeos en internet, meu pai e meu tío (que é soldador) explicáronme en que consistía esta profesión e, pouco a pouco, funme interesando por ela. Os meus mestres de ESO e Bacharelato non estaban de acordo, dicíanme que non me ía gustar e que me arrepentiría, pero a miña familia e amigos sempre me apoiaron e, grazas a iso e á miña personalidade, seguín adiante”.

Sara non agocha que “ao comezo non estaba segura de que a elección fora a correcta, pero agora si. Gústame máis do que pensaba” e, entre os seus compañeiros, é unha máis. “Trátanme como se fora unha máis. Tiña algo de temor a sentirme excluída do grupo, pero o certo é que todos me fixeron a adaptación moi fácil”.

En base á súa experiencia, Sara Iglesias anima a todas as estudantes a que sexan elas as que elixan o seu futuro, deixando a un lado as tradicións ou estereotipos. “Dígolles que teñan criterio propio e que non se deixen influenciar porque, se lles sae mal, sempre teñen opción de deixalo”.

sara1

Máis fotos do I Campionato de Soldadoras: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.224353328113128.1073741966.131969484018180&type=1&l=e4779e5751

Volver