- Distribuíuse entre os establecementos material informativo sobre o 8-M e os servizos do CIM
- O obxectivo é que exerzan de transmisores para acadar o pleno recoñecemento das mulleres e do seu papel na sociedade
Valga, 8 de marzo de 2022.
Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora hoxe, o Concello, en colaboración cos establecementos comerciais do municipio, está a desenvolver a campaña “Valga leva nove de muller”, unha iniciativa que busca reflexionar sobre o significado do 8 de marzo e unir forzas na loita polo pleno recoñecemento das mulleres.
“Ser muller significa valorarse, quererse, respectarse, divertirse, realizarse, superarse... unha infinidade de actitudes que nos definen como persoas e como mulleres”, apunta a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, que engade que, a través desta actividade, “pretendemos homenaxear ás mulleres do concello, dende o recoñecemento da pluralidade e da diversidade poñendo en valor o papel fundamental que desenvolven na sociedade en xeral e neste momento da historia en particular”.
A campaña consistiu no reparto entre 85 comercios valgueses de diverso material divulgativo: o cartel promocional da actividade, adornos feitos por participantes nas actividades promovidas polo Centro de Información á Muller (CIM), folletos sobre o CIM e os servizos que ofrece, dípticos sobre como detectar o maltrato e tarxetas con teléfonos de interese. “Deste xeito conseguimos dous obxectivos, por un lado facer chegar esta información aos comerciantes de Valga e, por outro, que eles actúen como transmisores ante os seus clientes, chegando así a boa parte da sociedade”, explica a concelleira.
O goberno municipal agradece a todos os comercios participantes a súa colaboración nesta campaña e a súa disposición á hora de crear esta rede que contribúa a que Valga siga medrando en igualdade.
A iniciativa levouse a cabo coa colaboración do Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.