Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Son cadros premiados no certame artístico que anualmente organiza o colectivo de persoas diagnosticadas de cancro de mama

- O alcalde e a concelleira de Igualdade inauguraron a mostra, que estará en Valga durante todo o mes de marzo

Adicam1

Valga, 4 de marzo de 2022.
A asociación Adicam, de persoas diagnosticadas de cancro de mama e xinecolóxico, expón durante o mes de marzo no Auditorio Municipal unha colección de pinturas titulada “Exaltación da imaxe da muller”. A figura feminina centra as obras, que foron premiadas no certame artístico que o colectivo organiza anualmente.

Á inauguración, que tivo lugar esta tarde, asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro; os concelleiros Begoña Piñeiro e José Ángel Souto, a presidenta e vicepresidenta de Adicam, Olga María Sotelo Pastoriza e Pilar Araújo; e os responsables do programa artístico da asociación, Enrique Prado e Fina Graña.

Adicam é unha asociación con implantación en varias localidades da provincia (Cangas, onde se fundou, Pontevedra, Vigo e Moaña) que ofrece apoio integral ás pacientes de cancro de mama e xinecolóxico e ás súas familias. Ademais, pon en marcha iniciativas para sensibilizar á poboación sobre esta enfermidade e sobre os hábitos saudables.

O colectivo ten na cultura e, máis en concreto, na pintura unha forma de achegarse á cidadanía. Anualmente organizan un certame artístico e cada mes promoven unha exposición con obras que teñen como denominador común a exaltación da imaxe da muller. “Esperamos que a xente poida apreciar e valorar estas obras, xa que en Galicia temos moitos pintores noveis que non se coñecen e paga a pena darlles unha oportunidade”, recalcou a presidenta Olga María Sotelo.

A responsable de Adicam explicou que a asociación conta con case 2.000 socios, dúas psicólogas e dúas traballadoras sociais que prestan apoio ás pacientes que, “desgraciadamente, cada vez son máis”. “Estamos moi orgullosos do traballo que se fai”, concluíu.

O alcalde transmitiulle os parabéns polo importante labor que desenvolven, “prestando axuda e apoio a persoas que, lamentablemente, o precisan”. Ademais, Bello Maneiro afirmou que “o Concello de Valga está a disposición de Adicam para calquera outra actividade que queiran realizar”.

O acto de inauguración contou coa intervención musical dos alumnos do conservatorio CSM Galicia Natalia Fabeiro (clarinete), que interpretou “Homenaje a Falla”, e Aitor López (viola), que tocou o 3º e 4º movementos da Sonata para Viola de Hindemith.

A exposición “Exaltación da imaxe da muller” forma parte do programa de actividades que o Concello organizou con motivo do Día Internacional da Muller.

Adicam2 Adicam3

Adicam4

Volver