Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Zonas de baño, de xogos, deportiva e de aloxamento conviven no espazo da antiga explotación mineira

- “É un proxecto de futuro para Valga”, destacou o Bello Maneiro, “para que os turistas veñan, queden e consuman”

ProxectoPortoPineiro1

Valga, 4 de marzo de 2022.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría, presentaron esta mañá o proxecto para a posta en valor como área de lecer da antiga mina de extracción de arxila Porto Piñeiro, situada entre os lugares de A Torre (Campaña), O Carballiño (Xanza) e O Forno (Cordeiro).

O acto tivo lugar na propia mina e contou coa participación de Germán Camino e Jesús Martínez, arquitecto e enxeñeiro redactores do proxecto, financiado a través dun convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que aportou 42.500 euros.

A mina Porto Piñeiro, situada a escasa distancia da Mina Mercedes, era un dos puntos de extracción de arxila vencellados á actividade industrial da empresa de produtos cerámicos Novo y Sierra, desaparecida en 2009. A antiga explotación mineira é actualmente unha lagoa de 5’32 hectáreas formada a partir da acumulación de augas sobre o leito impermeable de arxilas compactadas. En total, todo o ámbito sobre o que se pretende actuar supera os 100.000 metros cadrados.

O obxectivo do proxecto é promover un proceso de renaturalización similar ao que se levou a cabo na Mina Mercedes, incorporando as ribeiras da lagoa e a súa lámina de auga coma espazo público activo para o goce dos veciños e completando a transformación dunha mina a ceo aberto nun espazo de grande calidade ambiental e social.

Para acadalo, o proxecto recolle actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre cunha praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, un parque infantil e tamén equipamento para mozos máis maiores; unha zona deportiva, para a que se proxectan unha pista para a práctica de BMX e Skate, un complexo de fitness outdoor e un percorrido de equilibrio Parkour, así coma equipamento ciclista (aparcamento e marquesiña para bicicletas e unha estación de mantemento e lavado). Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas tanto en terra coma sobre a lámina de auga. O orzamento total do proxecto supera os 14 millóns.

O alcalde sinalou que se trata “dunha iniciativa de futuro para Valga, que está relacionado con outras actuacións xa executadas ou proxectadas e vencelladas todas ao patrimonio industrial e mineiro da antiga empresa Novo y Sierra: o acondicionamento da Mina Mercedes, que agora está previsto dotar dun parque infantil; a recuperación do porto de carga e descarga que existía no río Ulla, punto no que se acaba de instalar un novo pantalán; e a rehabilitación da liña de vagonetas aéreas na que se transportaban os produtos cerámicos e as materias primas para fabricalos.

O obxectivo é que “os turistas veñan a Valga, queden e consuman no municipio, e a iso axudará esta zona de lecer impresionante que hoxe presentamos”. O rexedor apuntou que a primeira actuación que se executará como parte deste proxecto será unha senda ciclable e peonil que discorrerá pola contorna da antiga barreira. Investiranse 500.915 euros, dos que 425.778 son subvencionados pola Deputación a través do programa ReacPon e o Concello aportará 75.137.

Ademais da construción da senda con base de grava, solo de cemento e bordo de formigón, as obras inclúen a restauración ambiental da zona. Aplicaranse tratamentos silvícolas, con limpezas e rozas selectivas para unha posterior revexetación. Recuperaranse a canle e a ribeira do rego do Regueiro, coa eliminación de especies invasoras e a plantación de árbores autóctonas coma salgueiros, freixos, carballos, castiñeiros ou bidueiros. Tamén se intervirá na ribeira oeste da lagoa, adecuando os perfís do terreo para un mellor acceso e implantando unha comunidade vexetal de ribeira.

A directora xeral Paula Uría apuntou que este proxecto promovido polo Concello é “un exemplo das posibilidades de rehabilitación que ofrecen os antigos espazos mineiros para uso e desfrute dos cidadáns e turistas. É un proxecto impresionante que abre moitísimas oportunidades dende o punto de vista turístico tanto para Valga coma para Galicia". A representante da Xunta amosouse confiada en que "actuacións coma esta poidan acceder os fondos europeos Next Generation, para s que o goberno central habilitou axudas para a rehabilitación de espazos mineiros".

ProxectoPortoPineiro2 ProxectoPortoPineiro3

ProxectoPortoPineiro4

PORTOPIÑEIRO1

PORTOPIÑEIRO2

PORTOPIÑEIRO3

Volver