Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Preparáronse diferentes pratos con pescados, mariscos, verduras e legumes enlatados

- A próxima semana rematan os obradoiros cunha sesión dedicada á cociña de aproveitamento

Conservas1

Valga, 3 de marzo de 2022.

As consevas foron as protagonistas da terceira entrega da Aula Gastronómica, que tivo lugar onte á tarde na Casa da Cultura. Os chefs Rocío Garrido, Coque Fariña e Fran Jamardo explicaron de xeito práctico algunhas ideas para elaborar bos pratos con alimentos enlatados ou de bote que, ademais de manter todas as súas propiedades nutricionais, ofrecen a vantaxe da rapidez ao estar xa cociñados.

O máis habitual é empregar as conservas en bocadillos ou ensaladas, pero o certo é que poden servir para improvisar un menú con pratos apetitosos e saudables nun momento non que non dispoñamos de produtos frescos, xa que ofrecen unha gran variedade de posibilidades, dende receitas máis elaboradas ata outras máis sinxelas e rápidas.

Como exemplo, as propostas que onte puideron degustar a trintena de participantes no obradoiro “Cociña con conservas” e que foron preparadas paso a paso polos cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía. Empregaron para realizalas diferentes tipos de alimentos de lata ou bote: pescados (sardiñas), mariscos (mexillóns, berberechos e calamares), legumes (garavanzos) e verduras (grelos).

Dous entrantes abriron o menú: tacos vexetais con mexillóns en escabeche e alboronía con sardiñas. A continuación servíronse uns berberechos salteados con garavanzos e grelos e, para pechar a tarde, fideos con calamares na súa tinta.

A próxima semana terá lugar o cuarto e último obradoiro desta edición da Aula Gastronómica, que estará centrado na cociña de aproveitamento.

Conservas2 Conservas3

Conservas4 Conservas6

Volver