Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Adrián Baloira estivo acompañado por directivos doutros CRAs e da Asociación de mestres de colexios rurais de Galicia

- O CRA de Valga e o seu modelo educativo téñense convertido en referencia tanto a nivel autonómico coma noutras comunidades

MinistraCRA1

Valga, 25 de febreiro de 2022.

O director do CRA de Valga, Adrián Baloira, asistiu esta mañá en Madrid a unha xuntanza coa ministra de Educación, Pilar Alegría.

No encontro participaron tamén membros da Asociación de mestres de colexios rurais de Galicia (Amcraga) e dos equipos directivos doutros CRAs galegos, en concreto Nosa Señora do Faro, Tarandeira, Oroso, Monterrei, Amencer-Ribadavia e Vilaboa.

O acto tivo como obxectivo trazar liñas de actuación de cara á dinamización da escola rural a nivel nacional tomando como referencia aos CRAs galegos, como centros innovadores de referencia. Unha das accións ás que se comprometeu a ministra foi a organización dun congreso nacional sobre escola rural.

O CRA de Valga, do que forman parte as escolas rurais de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Xanza e Chenlo, tense convertido en modelo para outros centros que ven na súa metodoloxía educativa o camiño a seguir.

O método do CRA aséntase sobre un piar fundamental: todo se adapta aos nenos. Eles son os protagonistas e os ambientes están preparados para que poidan ser totalmente autónomos. As aulas son inclusivas e a programación segue o deseño universal de aprendizaxe, de tal maneira que todas as actividades poidan ser realizadas por todos os nenos independentemente do seu nivel.

O traballo realizado ao longo dos últimos cursos renovando métodos educativos, mellorando as instalacións e redobrando recursos converteu ás escolas rurais de Valga nun referente tamén para as familias, que cada vez demandan máis prazas. Neste curso 2021/22 o de Valga foi o CRA de Galicia con máis matrículas novas, pasando de 59 alumnos a 80. E de cara ao vindeiro curso agárdase superar esta cifra. Na xornada de portas abertas celebrada a mediados de febreiro, máis de trinta familias interesáronse polo modelo educativo do CRA.

MinistraCRA2    MinistraCRA3

Volver