- O acto de recoñecemento terá lugar o domingo 13 de marzo no Auditorio Municipal
- A programación do 8-M tamén inclúe o reparto de material sobre igualdade nos comercios locais
Valga, 24 de de febreiro de 2022.
O Concello de Valga homenaxeará este ano con motivo do Día da Muller ás costureiras que, durante a pandemia, confeccionaron mascarillas para distribuír entre os veciños do municipio.
A súa contribución desinteresada foi fundamental para protexer a saúde da poboación valguesa durante os primeiros meses da pandemia da Covid-19, cando practicamente era imposible adquirir máscaras faciais nos establecementos comerciais e foi necesario recorrer ás reutilizables.
O Concello contou, naquel entón, coa contribución de dezaseis costureiras locais que confeccionaron varios milleiros de máscaras, tanto para adultos como infantís, que o Concello repartiu por todos os domicilios de Valga. O traballo destas mulleres axudou a que os valgueses puideran protexerse do coronavirus nos momentos máis duros da pandemia, nos que o desabastecemento de produtos sanitarios fronte á Covid-19 dificultou o control da transmisión do virus.
Agora, o goberno local, quere recoñecer o seu labor cun recoñecemento público que terá lugar o día 13 de marzo ás 18 horas no Auditorio Municipal, dentro da programación conmemorativa do Día Internacional da Muller.
O programa deseñado pola Concellería de Igualdade e Benestar Social para conmemorar o 8 de marzo inclúe, ademais, o reparto de material sobre igualdade entre os comercios, co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o papel fundamental da muller nos distintos ámbitos da sociedade.
O día 4 de marzo ás 17:30 a sala vermella do Auditorio acollerá unha sesión de Contacontos pola Igualdade titulada “As nenas serán o que queiran ser” e tamén no Auditorio poderá verse durante o vindeiro mes unha exposición de exaltación da imaxe da muller da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam).
O propio Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, emitirase en Radio Valga o programa “Coñece o CIM” no que a psicóloga Belén Gavin explicará os servizos que ofrece o Centro de Información á Muller de Valga.
Por último, os usuarios do CODI tamén participarán nas conmemoracións elaborando un mural sobre as mulleres con discapacidade.