- Conta con dez elementos especializados para a práctica da actividade física
- O proxecto foi promovido polo Concello e subvencionado con fondos europeos a través do GDR Salnés Ulla-Umia
Valga, 3 de novembro de 2021.
A área fluvial de Vilarello, un dos principais espazos recreativos do concello, acaba de ver aumentados os seus equipamentos coa instalación dun parque biosaudable. Trátase dun circuíto composto por dez elementos especializados para a práctica da actividade física e principalmente dirixidos á poboación maior. Patíns, bicicleta, elíptica ou pedais con asento son algunhas das pezas que integran este novo parque.
Este proxecto foi promovido polo Concello co obxectivo de dotar a este entorno natural de novos servizos, creando espazos axeitados para o seu uso por parte de todos os grupos de idade e ampliando a oferta de actividades deportivas, recreativas e culturais a desenvolver neste espazo, que atrae tamén a numerosos visitantes.
A actuación financiouse, en parte, con fondos europeos do programa Leader, a través dunha subvención do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés Ulla-Umia.