- O venres foi o día elixido pola maioría de colexios para as celebracións
- Nalgunhas aulas aproveitaron a semana para realizar traballos vencellados a esta festividade
Valga, 3 de novembro de 2021.
Os centros educativos valgueses festexaron a finais da pasada semana o Samaín con actividades lúdicas e culturais, disfraces e tamén degustación de castañas asadas.
Os nenos das escolas rurais do CRA de Valga vestiron os seus disfraces máis monstrosos e protagonizaron unha exposición de cabazas decoradas coa axuda das súas familias. Durante a mañá do venres participaron en obradoiros de manualidades, merendas mostrosas, búsqueda do tesouro e tamén asistiron a sesións de contacontos. Algúns dos grupos saíron pola contorna das escolas facendo un pasarrúas con animación e música e, para rematar a festa, cantaron e bailaron cancións de Samaín e degustaron castañas.
No colexio Baño-Xanza organizaron un magosto coa colaboración da ANPA, que se encargou de asar as castañas que trouxeron os alumnos das súas casas, ao igual que a leña. A merenda tamén incluíu bolos preñados. Nos días previos, cada clase deseñou e elaborou o seu propio espantallo e con eles realizouse unha exposición do patio. Ademais, a biblioteca converteuse nun túnel do terror e houbo contacontos de medo a cargo dos alumnos de 6º curso.
O CEP Xesús Ferro Couselo tamén se sumou as celebracións do Samaín. Nas primeiras horas do venres, unha mestra converteuse en contacontos para relatar ao alumnado das distintas aulas a historia da primeira meiga, María Soliño. Entre as actividades festivas tamén houbo actuacións no ximnasio do centro, cancións e a proxección dunha película.
Durante a semana, os estudantes realizaron traballos vencellados con esta festividade. Os alumnos de 1º e 2º cursos fixeron decoración e manualidades, os de 3º e 4º traballaron con contos terroríficos e en 5º e 6º estudaron algunhas lendas galegas.
Por último, no IES de Valga a biblioteca foi o lugar no que se concentraron as actividades. O alumnado de 3º da ESO leu o conto “Sobre da morte de Bieito, que forma parte da publicación “Dos arquivos do trasno”, de Rafael Dieste. Pola súa parte, alumnas de 1º da ESO fixeron o proio co relato “El almohadón de plumas”, de Horacio Quiroga.
A actividade foi organizada pola biblioteca, que se ambientou para a ocasión, en colaboración co departamento de Educación Plástica e Visual.