- Dezaseis mozos de ata 30 anos participaron durante o último ano neste proxecto, que remata o próximo día 12
- Acadar saídas laborais para os aprendices foi a prioridade deste proxecto, promovido polos concellos de Valga e Moraña
Valga, 5 de novembro de 2021.
Os dezaseis alumnos das especialidades de albanelería e forestais do Obradoiro de Emprego “Xóvenes”, promovido polos concellos de Valga e Moraña, asisten dende hoxe e ata o día 11 de novembro á formación complementaria en creación de empresas e inserción laboral.
A de creación de empresas é unha formación de trinta horas de duración que está a ser impartida por un técnico da empresa Gadepro. Durante estas xornadas abordarán cuestións coma o emprendemento, ideas e proxectos empresariais ou o autoemprego.
No tocante á inserción laboral, a duración do curso é de 15 horas, durante as que os aprendices coñecerán as diferentes canles das que dispoñen para a busca de emprego (internet, bolsas de emprego...), así como as competencias profesionais e persoais que facilitan o acceso a un posto de traballo. Tamén lles explicarán como afrontar unha entrevista de traballo e as probas de selección.
Hai que ter en conta que favorecer á inserción laboral dos participantes é o obxectivo prioritario deste Obradoiro de Emprego e nesa liña vense traballando dende o comezo do proxecto, en novembro de 2020, capacitando aos alumnos nos oficios de albanelería e forestais, elaborando os seus currículos e tratando de atoparlles saídas laborais. De feito, un alumno da especialidade de forestais atopou traballo no mes de outubro nunha empresa da comarca.
Logo dun ano de formación, o vindeiro día 12 de novembro rematará este o Obradoiro “Xóvenes”, que foi cofinanciado polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 91’89% a través do Programa Operativo 2014-2020.