- Flores de Carnaval, follas de limoeiro e outras sobremesas tradicionais de Italia e Alemaña foron as elaboracións elixidas para a sesión
- A próxima cita será o día 3 de marzo e estará dedicada ás conservas
Valga, 23 de de febreiro de 2022.
O recendo a anís e limón invadiu a Aula Gastronómica de Valga, que esta tarde dedicou a súa segunda sesión aos doces de Entroido.
Os chefs Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña volveron a conducir o taller, que tivo lugar na Casa da Cultura cuns trinta participantes. Deixando á marxe as filloas e orellas, habituais por estas datas en practicamente todos os fogares galegos, os cociñeiros elixiron outras catro elaboracións típicas tanto de Galicia coma doutras comunidades españolas e de diferentes países europeos.
Abriron o obradoiro as populares Flores de Entroido, que se elabora cun amoado moi similar ao das filloas e un molde que lles dá a súa peculiar forma. Non tan coñecidas son as follas de limoeiro, moi tradicionais en Murcia, onde as denominan “paparajotes” e adoitan elaborarse tanto no Entroido coma en Semana Santa. A súa realización é sinxela, bañando unha folla de limoeiro nunha masa obtida con fariña, ovos, leite e sal e, despois, fritíndoa. O trío de cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía servíronas acompañadas dunha crema de limón.
As dúas últimas sobremesas da sesión culinaria chegaron dende o estranxeiro: as Castagnole típicas de Italia, coa súa forma moi semellante a unha castaña e rebozadas en azucre; e os Mutzenmandeln alemáns, pequenas pezas en forma de améndoa que se prepararon con fariña sen glute pensando nas persoas celíacas.
Durante o taller os participantes compartiron os trucos que adoitan empregar nestas e noutras sobremesas típicas destas datas. Os chefs tamén lles fixeron recomendacións, por exemplo sobre que tipo de produtos utilizar para sacar o máximo partido a cada elaboración ou diferentes combinacións de ingredientes para esparexer sobre os doces engadíndolles sabor.
A actividade coincidiu co Día de Rosalía, por iso se empregaron manteis cun deseño referente ao Caldo de Gloria, ao que a poetisa fai referencia no poema "Miña casiña, meu lar", do libro Follas Novas. Deste xeito, o Concello sumouse á campaña para poñer en valor a lingua galega e a gastronomía tradicional popular promovida pola Fundación Rosalía de Castro e a Deputación.