Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, e o alcalde anunciaron esta mañá o investimento de 80.000 euros

- A senda permitirá que peregrinos e vehículos circulen por zonas separadas, evitando situacións de risco

NavaPino1

Valga, 5 de novembro de 2021.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron esta mañá Valga para anunciar xunto co alcalde, José María Bello Maneiro, a próxima execución dun sendeiro para mellorar a seguridade nun tramo do Camiño Portugués ao seu paso polo lugar do Pino (Setecoros).

Esta actuación, que ten un orzamento de 80.118’60 euros e cofinancian ambas entidades a través dun convenio de colaboración, ten como obxectivo poñer fin á situación de perigosidade nun tramo do Camiño de aproximadamente 720 metros que discorre por unha estrada municipal moi transitada por vehículos pero tamén por peregrinos que realizan a Ruta Xacobea.

Para acadar unha solución que permita unha convivencia harmónica e segura entre peóns e tráfico rodado proponse a creación dun sendeiro duns dous metros de ancho que discorrerá en paralelo ao vial existente. O pavimento será de xabre mellorado e, naquelas zonas nas que o terreo o requira, executarase un muro para a contención das terras dun metro de alto, que irá completado cunha varanda de madeira.

No acto de presentación do proxecto, o alcalde amosouse agradecido coa Xunta de Galicia pola súa aportación económica para “unha obra moi importante que redundará na seguridade dos peóns que transiten pola zona, xa sexan peregrinos ou veciños, eliminando un punto conflitivo e perigoso”. Ademais, sinalou que unha vez executada esta actuación todo o trazado do Camiño Portugués dende o límite con Caldas ata o lugar de Chenlo será sendeiro, ao anularse este pequeno treito de asfalto.

Bello Maneiro indicou que un dos propósitos do Concello é potenciar as actividades turísticas e culturais coma un dos motores de desenvolvemento para Valga. Neste sentido, o Camiño de Santiago destaca coma un dos principais recursos cos que conta o municipio, polo que a súa posta en valor, acondicionamento e embelecemento é unha prioridade para o goberno municipal para tentar atraer cada vez a máis peregrinos e que estes pasen o maior tempo posible en Valga.

A obra anunciada esta mañá enmárcase nesta estratexia, ao igual que outras actuacións acometidas recentemente coma a creación dunha área de descanso para peregrinos tamén na zona do Pino. Instalouse unha marquesiña para que os camiñantes poidan resgardarse e para o selado de credenciais, colocáronse unha mesa e bancos de madeira e un panel con información sobre Valga e a Ruta Xacobea.

NavaPino2 NavaPino3

Volver