Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os mestres composteiros do Concello imparten as actividades ao alumnado de 3º a 6º de Primaria

- Explícanlles que tipo de residuos depositar en cada contedor e como funciona un composteiro

CompostBaño1

Valga, 8 de novembro de 2021.

O Concello de Valga, a través da Oficina Municipal de Compostaxe, está a desenvolver no CEIP Baño-Xanza unhas xornadas divulgativas sobre a correcta separación de residuos, co obxectivo de concienciar á mocidade sobre a necesidade de tratar o lixo de forma sostible.

Dende o pasado 26 de outubro estanse a realizar no colexio unha serie de charlas impartidas polos mestres composteiros do Concello, Silvia Torres e Yoel Castro, para que os rapaces aprendan a reciclar os residuos e, principalmente, para que coñezan como se fai compost co lixo orgánico xerado tanto nos seus fogares coma no colexio, que conta cun centro de compostaxe para reciclar os restos sobrantes do comedor escolar.

Nestas conferencias, que rematarán esta semana, participa o alumnado de 3º a 6º cursos de Educación Primaria. Nelas explícaselles que residuos teñen que depositar en cada un dos contedores do lixo: vidro, papel e cartón, colector amarelo, fracción resto e composteiro. Sobre este último céntrase tamén boa parte das actividades, informando aos estudantes sobre o seu funcionamento e transmitíndolles as súas vantaxes.

Moitos dos rapaces xa contan nos seus fogares con composteiros, que lles foron entregados ás súas familias gratuitamente a través do Plan Revitaliza, posto en marcha polo Concello e a Deputación.  Aos que aínda non o teñen, infórmaselles que as súas familias poden acudir a solicitalo ás oficinas municipais.

O obxectivo destas actividades é acadar un cambio de actitude na poboación máis nova e unha maior responsabilidade na separación do lixo ao tempo que se incide sobre a importancia da compostaxe como alternativa máis económica e ecolóxica para o tratamento dos residuos orgánicos.

Os participantes nas charlas son agasallados con caldeiros para a separación do lixo orgánico, así coma outro material promocional: lapiseiros, libretas e folletos.

CompostBaño2 CompostBaño3

Volver