Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Amigos do Belén traballa dende o mes de outubro na nova composición, que se inaugurará o primeiro domingo de decembro

- O colectivo organiza, ademais, unha tómbola benéfica para recadar fondos para os afectados polo volcán de La Palma

BelénMontaxe1

Valga, 10 de novembro de 2021.

O Nadal está chamando ás portas e, con el, volve o Belén Artesanal en Movemento, que prepara unha edición chea de novidades e co obxectivo achegarse de novo ás cifras de visitantes anteriores á pandemia, sempre que a situación sanitaria o permita.

A asociación Amigos do Belén leva dende o 13 de outubro traballando nos preparativos. As primeiras tarefas centráronse na desmontaxe do nacemento do pasado ano e, a continuación, os distintos grupos de traballo comezaron a deseñar os contidos que se incorporarán nesta edición e que darán ao Belén unha imaxe totalmente renovada. Acontecementos que marcaron os últimos meses a nivel local, nacional e internacional, personaxes que foron actualidade nos ámbitos social, político, deportivo ou do espectáculo e, como non, a pandemia vertebrarán a nova montaxe do Belén Artesanal, que está declarado de Interese Turístico de Galicia e que é, xunto co Camiño de Santiago, o principal foco de atracción de visitantes a Valga.

Nestes días, os traballos que se realizan no local da Rúa Nova están centrados na modelaxe das novas figuriñas, construción de edificacións, e na reparación e incorporación de mecanismos que darán movemento a moitas das escenas, coa vista posta na primeira fin de semana de decembro, cando terá lugar a inauguración.

Será o domingo 5 cando o Belén se abra ao público. Recibirá visitas durante cinco semanas, ata o 9 de xaneiro, sempre baixo o cumprimento da normativa sanitaria, sendo obrigatorio o uso da máscara e evitando as aglomeracións.

Tómbola para axudar aos afectados polo volcán

En paralelo á montaxe do nacemento, a asociación Amigos do Belén está a organizar unha tómbola solidaria para axudar aos afectados polo volcán Cumbre Vieja de La Palma. Todas as persoas e entidades que queiran colaborar con esta iniciativa poden doar agasallos entregándoos no local do Belén de 18:00 a 22:00 horas calquera día da semana.

A tómbola celebrarase o día 12 de decembro pola tarde. Venderanse boletos que permitirán optar aos diferentes premios e todo o recadado será destinado a axudar aos afectados pola erupción do volcán.

BelénMontaxe2 BelénMontaxe3

BelénMontaxe4 BelénMontaxe5

Volver