- O centro conta dende hoxe cun composteiro do Plan Revitaliza para reciclar os residuos orgánicos
- O alumnado participou esta mañá en varias actividades divulgativas impartidas polo mestre composteiro do Concello e persoal do CEIDA
Valga, 12 de novembro de 2021.
O colexio Xesús Ferro Couselo, de Cordeiro, súmase tamén ás actividades de promoción da compostaxe e de educación ambiental do Plan Revitaliza, posto en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación provincial.
O centro de Educación Primaria conta dende hoxe cun composteiro no que reciclarán os residuos orgánicos xerados no propio colexio, coma os restos das merendas do alumnado, por exemplo, evitando que estes acaben no contedor verde. A través do proceso de compostaxe o centro obterá, ademais, abono natural que poderá utilizar nas súas zonas verdes, para fertilizar plantas e arborado.
Para presentar o novo composteiro e divulgar entre os estudantes as boas prácticas ambientais, esta mañá estiveron no CEP Ferro Couselo Yoel Castro, un dos mestres composteiros do Concello, e María Sánchez, educadora do Centro de Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), que realizaron actividades cos rapaces de 1º a 6º cursos de Primaria.
Faláronlles aos alumnos sobre o funcionamento do composteiro, cales son os residuos que poden depositar nel e como completar o proceso de compostaxe mediante o aporte de material estruturante que axude á produción do abono. O obxectivo destas charlas foi implicar aos nenos coa correcta separación do lixo en xeral e coa reciclaxe dos biorresiduos en particular, como unha vía para que eles transmitan nos seus fogares a importancia destas boas prácticas.
De feito, o mestre composteiro animounos a que, se teñen un centro de compostaxe comunitaria preto das súas casas, depositen nel o lixo orgánico. E aquelas familias que aínda non conten con composteiros individuais poden solicitalo de xeito gratuíto no Concello.
Ao remate das actividades, os rapaces foron agasallados con caldeiros para a separación do lixo orgánico, así coma outro material promocional: lapiseiros, libretas e folletos.