Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- “Os Monifates no Camiño” fixo un percorrido pola rica e variada instrumentación da cultura galega

- A actividade levouse a cabo a través da Rede de Dinamización Lingüística e como parte da programación do Xacobeo 2021-2022

MonicrequesCRA1

Valga, 18 de novembro de 2021.

O alumnado das escolas rurais que forman parte do CRA de Valga asistiron esta mañá no Auditorio Municipal a unha función de música e monicreques ao abeiro das actividades da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta e do Xacobeo 2021-2022.

“Os Monifates no Camiño” foi o espectáculo co que divertiron os pequenos das escolas de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Xanza e Chenlo. Sobre o escenario, Alberto Millán e José Piñeiro encarnaron a dous músicos ambulantes que percorren vilas e pobos tirando dun carromato para cumprir unha importante misión: amosar a rica e variada música e instrumentación da cultura galega. Á súa viaxe fóronse sumando bailaríns moi peculiares con forma de monicreques: Xaquín e Maruxa, Bartolo o pandereteiro, o porco Antón, Saturno e Leonor ou o galo Farruco.

Á sesión asistiu a coordinadora dos equipos de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Isabel Valiño, que explicou que esta actividade foi concedida ao CRA de Valga xa que está orientada a nenos de Educación Infantil e tendo en conta que os rapaces do rural adoitan ter “menos oportunidades de ver este tipo de espectáculos”. Ademais, tamén se tiveron en conta outros dos proxectos presentados polo equipo directivo e docente do CRA e que encaixaban con esta actividade.

MonicrequesCRA2 MonicrequesCRA3

MonicrequesCRA4

Volver