Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Concello adheriuse á campaña “Municipios Tolerancia Cero” contra a violencia de xénero e en apoio das vítimas

- Tamén se aprobou unha moción para instar á Xunta a realizar un correcto mantemento da estrada PO-548

 

Valga, 27 de outubro de 2021.

O Pleno municipal aprobou onte á tarde, cos votos favorables do grupo de goberno, a concertación dunha operación de tesourería por importe aproximado de 700.000 euros e por prazo máximo dun ano.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro delegado de Facenda, José Ángel Souto, explicaron que esta operación vén motivada polos pagos pendentes de subvencións por parte doutras administracións, nomeadamente a Deputación de Pontevedra e a Xunta. “Entre que se fan as obras e nos dan os cartos pasa un tempo, pero as empresas teñen que cobrar. Nós somos serios e pagamos cando debemos, porque as empresas non son ONGs, teñen que aboar as nóminas”.

José Ángel Souto destacou que o informe de Intervención avala esta operación de tesourería ao indicar que “o Concello ten capacidade financeira suficiente”. O edil de Facenda abondou en que “grazas a este anticipo o benestar dos veciños de Valga verase acrecentado, porque permitirá realizar un 30% máis de investimentos en obras e servizos a maiores do presupostado inicialmente”.

Neste sentido, o concelleiro e o alcalde remarcaron que Valga é o concello da zona cos impostos e taxas máis baixos e, aínda así, conta con servizos que “son envexados por veciños doutras localidades que ven que en Valga se fan cousas e que tamén se benefician dos servizos que ofrecemos”.

O grupo socialista e o concelleiro das Mareas votaron en contra deste punto.

Na sesión ordinaria aprobouse por unanimidade unha moción do grupo popular para adherirse á campaña “Municipios Tolerancia Cero”, unha iniciativa de acción social fronte á violencia de xénero e en apoio das vítimas. A través desta moción o Concello comprométese a levar a cabo unha serie de iniciativas  para concienciar sobre a lacra social que supón a violencia machista, quedando aprobada a seguinte declaración: “Este é un concello que contra o maltrato ás mulleres ten tolerancia cero. Protexerase ás vítimas e colaborarase en perseguir aos maltratadores coa xustiza e coas policías. E realizaranse todos os esforzos para evitar que neste municipio se produza ningún maltrato ás mulleres”.

Por último, aprobouse tamén por unanimidade unha moción de urxencia presentada polo grupo socialista para instar á Xunta a realizar un correcto mantemento da estrada autonómica PO-548”.

Volver