Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Persoal de centros públicos e privados acode ás escolas rurais de Valga para coñecer a súa metodoloxía e infraestruturas

- “Agora somos un referente e iso repercute tamén na matrícula, pasando de 59 a 80 alumnos”, destaca o director

formacionCRA1

Valga, 22 de novembro de 2021.

O CRA de Valga, do que forman parte as escolas rurais de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Xanza e Chenlo, tense convertido en modelo para outros centros de Galicia que ven na súa metodoloxía educativa o camiño a seguir.

Persoal doutros CRAs e colexios, tanto públicos coma privados, acoden con frecuencia a Valga para recibir formación por parte de Adrián Baloira, o director do CRA, e Antía Piñeiro, secretaria e mestra da escola de Vilarello, a punta de lanza do novo modelo posto en marcha polo CRA nos últimos anos. “Comezamos a través de Instagram de xeito altruísta, difundindo a nosa metodoloxía, dando a coñecer os nosos espazos e as melloras que levamos a cabo neles. Así empezaron a poñerse en contacto con nós persoal doutros centros para vir a ver a escola de Vilarello e isto provocou un efecto chamada”, explica a profesora.

Esta experiencia formalizouse dende comezos deste curso a través do Plan de Formación de Profesorado da Consellería de Educación, a través do que se canalizan agora estas visitas formativas ás escolas de Valga para explicar in situ as particularidades do método que se aplica no CRA. De Vigo, Coristanco, Soutomaior, A Estrada, Arcade, Rois, Ribadavia, Caldas de Reis... son moitos os colexios que o demandan. “De algúns centros veu todo o claustro a recibir a formación”, destacan os membros do equipo directivo do CRA.  Ademais, Adrián Baloira e Antía Piñeiro tamén son chamados pola propia Consellería para desprazarse a impartir charlas e conferencias ao Centro Autonómico de Formación e Innovación de Santiago ou ao Centro de Formación e Recursos de Ourense, no que estiveron a pasada semana explicando o proceso de transformación de espazos que se levou a cabo nas escolas do CRA para favorecer as metodoloxías activas.

O método do CRA de Valga aséntase sobre un piar fundamental: todo se adapta aos nenos. Eles son os protagonistas e os ambientes están preparados para que poidan ser totalmente autónomos. As aulas son inclusivas e a programación segue o deseño universal de aprendizaxe, de tal maneira que todas as actividades poidan ser realizadas por todos os nenos independentemente do seu nivel. “En realidade aplicamos un compendio de métodos, aproveitando as vantaxes de cada un”, indica Antía Piñeiro, que é a que se encarga desta parte da formación. A escola de Vilarello, na que ela imparte clase, é “o buque insignia deste modelo e o resto de escolas seguen a mesma liña. O que máis lles interesa ao persoal doutros centros que ven a coñecernos é como facer a transición dunha metodoloxía tradicional a outra máis innovadora e sempre nos preguntan, tamén, como conseguimos a implicación das familias e do Concello e de onde sacamos os recursos”. Esta última é a parte da que se encarga Adrián Baloira, que destaca que “o traballo realizado dende a dirección do CRA permitiunos aumentar os recursos nos últimos anos chegando a quintuplicar os investimentos no centro a través da participación en distintos programas e proxectos educativos”.

No seu conxunto, o traballo realizado no CRA ao longo dos últimos cursos renovando métodos educativos, mellorando as instalacións e redobrando recursos converteu ás escolas rurais de Valga nun referente a nivel autonómico e incluso fóra de Galicia. “Recibimos chamadas e mensaxes deste moitos lugares de España e ata do estranxeiro, de Latinoamérica ou Glasgow por exemplo”, confirman os dous representantes do CRA. “Agora estamos no mapa da innovación educativa e isto repercute tamén positivamente na matrícula. Somos o CRA de Galicia que máis matrículas novas tivo neste curso (35), pasando de 59 alumnos a 80”.

formacionCRA2 formacionCRA3

formacionCRA4

Volver