- Arranxaranse as beirarrúas, as redes de augas pluviais e abastecemento e melloraranse o firme e a seguridade viaria
- A Axencia Galega de Infraestruturas financia integramente as obras, que afectarán a un tramo de 800 metros
Valga, 23 de novembro de 2021.
Nos últimos días deu comezo na estrada PO-190 en Ferreirós (Cordeiro) a segunda fase de obras de mellora, pavimentación e dotación de servizos, un proxecto que levan a cabo o Concello de Valga e a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta a través dun convenio de colaboración que conlevará un investimento de 531.498’30 euros.
Remataranse, así, as actuacións iniciadas en 2020 para solucionar as problemáticas que afectaban a este vial, tales como beirarrúas estreitas, pavimento deteriorado ou o mal estado da rede de augas pluviais e das tubaxes de abastecemento, entre outras.
A primeira fase afectou a un tramo de aproximadamente medio quilómetro comprendido entre o cruce coa estrada PO-548 e o Auditorio Municipal, cun orzamento de máis de 370.000 euros aportado pola Xunta. Agora prevese este novo investimento para completar as melloras entre os puntos quilométricos 0’470 e 1’290.
As actuacións que se van a levar a cabo nestes oitocentos metros inclúen o arranxo e demolición de beirarrúas para a súa reconstrución, suprimindo barreiras arquitectónicas para favorecer a accesibilidade e facer máis seguro o tránsito de peóns. Tamén se renovarán as redes de augas pluviais, abastecemento e alumeado, soterrarase a rede eléctrica e algúns tramos da rede telefónica e, por último, dotarase á estrada dun novo pavimento e de sinalización horizontal e vertical.
A Xunta financia integramente as obras, que foron adxudicadas ás obras Construcións, Obras e Viais S.A. (Covsa).