- Entre o público tamén había usuarios e persoal do Centro de Día
- Mañá, Día para a prevención da violencia contra a muller, gardarase un minuto de silencio no Concello en memoria das vítimas
Valga, 24 de novembro de 2021.
Estudantes do IES de Valga asistiron esta mañá no Auditorio Municipal ao espectáculo teatral pedagóxico “Golpes”, unha actividade para a prevención da violencia de xénero integrada na programación do 25-N.
Un total de 98 alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato presenciaron a función na que a actriz Estíbaliz Veiga puxo en escena un relato cru e directo de como unha moza vai cedendo nunha relación desigual ata perder a súa personalidade.
A obra, da compañía aAntena, amosou dun xeito entretido a desigualdade latente neste tipo de relacións e a dor que causa a lacra social da violencia machista. A través do relato da vida de Pamela, unha moza que ven de sufrir maltrato, cuestiónanse situacións de desigualdade en moitos casos normalizadas e amósase como das accións máis cotiás nace o “golpe” da violencia.
Ademais dos mozos do IES, entre o público tamén se atopaban unha decena de usuarios do Centro de Día acompañados polas súas xerocultoras.
Esta actividade foi subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e a Fegamp a través da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.
Ao remate da mesma, a Concellería de Igualdade e Benestar Social repartiu entre os asistentes trípticos explicando algúns dos síntomas das relacións violentas e de submisión. Aspectos coma o control, a chantaxe, o illamento ou a dependencia emocional que, aínda que poidan parecer normais, deben poñernos en alerta.
Mañá, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, continúan as actividades de concienciación e prevención da violencia de xénero. Ás 12:00 horas ás portas da Casa do Concello gardarase un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas e, pola tarde, no Auditorio continuará o programa de intervención e prevención con mulleres en situación de vulnerabilidade cunha xornada sobre o “Emprego en feminino”.