- O proxecto, cun orzamento de 332.000 euros aportado pola Xunta, foi executado pola empresa Marcor Xove S.L.
- Instalouse un pantalán, pavimentouse unha pequena zona de ribeira, colocouse mobiliario e mellorouse o acceso
Valga, 25 de novembro de 2021.
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil, visitou esta mañá o novo embarcadoiro habilitado no río Ulla, en Campaña, cuxas obras executou durante os últimos meses a empresa Marcor Xove S.L. con financiación da Xunta de Galicia, que aportou o orzamento completo do proxecto: 332.000 euros.
O alcalde, José María Bello Maneiro, acompañou á responsable autonómica, así coma as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna.
O embarcadoiro atópase no mesmo lugar no que se conservaban os restos do antigo porto de carga e descarga de mercadorías vencellado á actividade industrial da desaparecida fábrica de cerámica Novo y Sierra. As obras que se levaron a cabo consistiron na instalación dunha nova estrutura portuaria para recuperar a actividade náutica nesta zona, permitindo o atraque aos catamaráns e embarcacións turísticas que operan na Ría de Arousa e no río Ulla para tentar atraer un fluxo de visitantes que cheguen ao municipio por vía fluvial. Non en balde, por esta zona discorre a ruta marítimo-fluvial considerada coma a orixe de todos os Camiños de Santiago. a Traslatio.
Instalouse un pantalán de aluminio de 24’3 metros ao que se accede por medio dunha pasarela fixa de 33 metros de lonxitude e 2’5 de anchura e outra pasarela articulada de 16 metros de longo e 1’5 de ancho. Tanto o pantalán coma as pasarelas están fixos por medio de pilotes de chapa de aceiro.
Para acceder ao pantalán, na zona do antigo embarcadoiro, realizouse un muro de cara vista de mampostería por diante da parede xa existente de ladrillo, que quedou enterrada, e procedeuse á realización dun pequeno recheo ata acadar a cota da explanada. Esta superficie pavimentouse con lastras de granito colocado con morteiro sobre unha base de formigón.
Na zona colocáronse bancos que delimitan a zona de aparcadoiro. Instaláronse tamén unha varanda de protección de madeira e alcorques nas árbores que se manteñen na explanada. O camiño de acceso a estas instalacións acondicionouse mediante o estendido e compactado de saburra.
O alcalde, destacou durante a visita á zona, que esta obra é a primeira fase dun proxecto moito máis ambicioso a nivel turístico para Valga e que inclúe a recuperación da antiga liña de vagonetas aéreas de Novo y Sierra e a rehabilitación da mina Porto Piñeiro.