Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Esta mañá participaron nun obradoiro de elaboración de xabóns, que poden mercarse no Concello e no Auditorio

- Están programadas saídas culturais e lúdicas e o venres haberá unha xornada de portas abertas no CODI

CODICamiño1

Valga, 29 de novembro de 2021.

O CODI e os seus usuarios festexan durante toda esta semana o Día da Discapacidade, que se conmemora o 3 de decembro, cunha serie de actividades en prol da plena inclusión das persoas con diversidade funcional. Obradoiros, saídas culturais e lúdicas e unha xornada de portas abertas son algunhas das iniciativas que se levarán a cabo durante os vindeiros días.

A programación deu comezo esta mañá cunha nova sesión do obradoiro “Descubrindo aromas e perfumes”, que leva impartíndose dende o mes de setembro no CODI. Seguindo as directrices dunha monitora, os usuarios elaboran xabóns empregando produtos coma sosa, auga, distintos tipos de aceites, glicerina, esencias e exfoliantes coma area ou café.

Os xabóns resultantes deste taller poden adquirirse tanto no Concello coma no Auditorio. Están á venda en envases individuais, en caixas de varias unidades e incluso combinados con pezas de cerámica que son elaboradas tamén no CODI. Os fondos recaudados destínanse ao colectivo Asdivalu, asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla e Umia.

Mañá está programada unha saída lúdica a Caldas de Reis con sesión de cine e o mércores as actividades regresarán ao CODI cun obradoiro de “Expresión corporal e pintura”. Tanto este taller coma o de xabóns están subvencionados pola Deputación provincial.

O xoves haberá de novo saída, nesta ocasión para rematar o Camiño de Santiago. Nos últimos meses os usuarios do CODI estiveron percorrendo varias etapas da Ruta Xacobea. Comezaron no verán en Valga, pola zona de Casaldeirigo, e hai uns días chegaron ata a entrada de Compostela. O tramo que lles queda completarano esta semana coa entrada á Praza do Obradoiro e a visita á Catedral

A semana de conmemoracións rematará o venres, Día da Discapacidade, cunha xornada de portas abertas no CODI. Asistirán familiares e achegados dos usuarios e durante a mañá haberá exposición e venda dos produtos elaborados nos obradoiros artesanais, unha sesión de musicoterapia e aperitivos e baile.

Ademais, na radio municipal emitirase durante esta xornada un manifesto reivindicando os dereitos das persoas con diversidade funcional e soará a adaptación que os usuarios do CODI, coa colaboración da Escola Municipal de Música, fixeron da canción “Vivir” de Rozalén.

CODICamiño2 CODICamiño3

Xabóns1 Xabóns2

Volver