- Ángeles Garrido e o falecido Pepe Potel protagonizan a parte pictórica da mostra
- Ana Mª González aporta unha reprodución do mosaico romano de Panxón e Tito Riveiro parte da súa colección de bonsais
Valga, 30 de novembro de 2021.
“Arte e Natureza” é a mostra que recala no Auditorio Municipal durante o mes de decembro. O título é fiel reflexo do contido da exposición, unha combinación de pintura, arte cerámica e bonsais na que comparten protagonismo Ángeles Garrido, Pepe Potel, Ana María González e Tito Riveiro.
A pintura está representada por partida dobre. Dunha parte, cunha homenaxe póstuma ao falecido artista valgués Pepe Potel. A escolma de cadros que forman parte da mostra representan “os clásicos” de Potel, explica a súa filla, Elsa. “As mimosas e a chorima son moi características da súa obra, así coma a temática dos anciáns e a emigración”. As Torres de Catoira aparecen tamén nun dos cadros centrais da exposición, xa que “pintalas era unha das súas paixóns”, lembra a súa descendente.
A parte pictórica da mostra complétase cunha selección de cadros de Ángeles Garrido, que representan a súa “época branca”. Seres alados, cabalos e mulleres son os elementos predominantes neste grupo de cadros. “Son traballos feitos por e para as mulleres, para agradecer a solidariedade que tiveron comigo nalgún momento da vida e para representar a forza das matriarcas galegas, a mesma que transmiten os cabalos”.
Tito Riveiro é a última incorporación a este proxecto cultural que leva xa varios anos realizándose. O catoirense aporta parte da súa colección de bonsais: “É unha afección que teño dende hai 25 anos e teño uns trinta, entre eles un pequeno xardín xaponés”. As prantas que elixiu para a exposición, sen embargo, proceden de distintas zonas de España como Asturias ou o País Vasco. “Gústame recuperalos da natureza para despois coidalos”, comenta.
“Arte e natureza” complétase coa participación de Ana María González, restaudadora de bens culturais especializada en arqueoloxía que contribúe á mostra cunha reprodución do Mosaico de Panxón, unha peza de orixe romana que en 2019 foi localizada nun anticuario de Nova Iorque logo de vinte anos desaparecida. Nela aparecen representados un peixe, dúas ameixas e outras decoracións abstractas.
Esta réplica xa puido verse en Valga durante o mes de Nadal de 2020 e decidiu traela de novo para divulgar a iniciativa posta en marcha pola Asociación para a Recuperación do Mosaico de Panxón, un colectivo, que está a recadar fondos para traer de novo a Galicia esta peza tan característica. Precisan xuntar 58.000 euros e, nestes momentos, fáltanlle 8.500 por conseguir.
Calquera persoa que queira contribuír pode facelo a través da páxina web https://asociacionmosaicopanxon.org/ e, pola súa contribución, entrará no sorteo dunha viaxe a Nova Iorque.