Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O conselleiro de Educación e o alcalde inauguraron a xornada no Auditorio Municipal

- Bello Maneiro afirmou que “o traballo que realiza o CRA é impresionante e seguiremos colaborando con eles en beneficio dos rapaces”

XornadaCRAs1

Valga, 1 de decembro de 2021.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o alcalde, José María Bello Maneiro, inauguraron esta mañá a xornada que Acraga (Asociación de mestres de CRAs de Galicia) está a celebrar no Auditorio con representantes dos 26 Centros Rurais Agrupados da comunidade, entre eles o de Valga, que exerce de anfitrión.

Nesta xuntanza participan membros dos equipos directivos destes centros co obxectivo de trazar liñas comúns de actuación para continuar elevando a calidade do ensino rural e facer fronte á principal ameaza que se cerne sobre estas escolas: o despoboamento. Ademais do conselleiro e do rexedor, tamén asistiu o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Álvarez Bértolo.

O alcalde deu a benvida a Valga a todos os representantes dos CRAs de Galicia e puxo ás escolas de Valga como exemplo de innovación educativa dende o rural. Transmitiu os parabéns ao equipo directivo do CRA “polo traballo impresionante que están a facer e do que estamos moi orgullosos. Dende o Concello seguiremos colaborando con eles en beneficio dos rapaces e das familias”.

O conselleiro destacou que as escolas rurais son “un elemento de referencia e dos máis singulares que ten o sistema educativo de Galicia”. Ademais engadiu que, “tendo un territorio tan diseminado, son fundamentais para garantir a igualdade de oportunidades”.

No acto tamén interveu o director do CRA de Valga, Adrián Baloira, que se referiu a esta xornada coma unha oportunidade para trazar liñas comúns de actuación entre todos os CRAs de Galicia, compartir proxectos de futuro e establecer lazos coa comunidade educativa e coa administración.

Trala inauguración, a xornada de Acraga continuou durante toda a mañá nunha das salas do Auditorio e, ao remate, os participantes achegáronse a ver algunhas das seis escolas que forman parte do CRA de Valga.

XornadaCRAs2 XornadaCRAs3 

XornadaCRAs4

Volver