- Está dirixido a persoas maiores de 65 anos, que xa poden inscribirse no Concello e no Auditorio Valga
- Este programa trata de favorecer o envellecemento activo e mellorar as relación sociais dos participantes
Valga, 8 de decembro de 2021.
A Concellería de Benestar Social abre o prazo de inscrición nunha nova edición do programa Campus Sénior, unha iniciativa que se dirixe a persoas maiores de 65 anos co obxectivo de promover un envellecemento activo a través de propostas lúdicas e creativas.
As actividades retomaranse a partir de mediados de xaneiro de 2022, en concreto o obradoiro de memoria e as clases de pintura e manualidades. A intención é recuperar as sesións presenciais, suspendidas durante os últimos anos debido á pandemia. Para iso requírense grupos mínimos de 8 persoas.
No obradoiro de memoria trabállase a estimulación cognitiva a través de exercicios visuais, escritos e verbais, dinámicas de grupo e outras técnicas para favorecer o recordo. No tocante ao taller de pintura e manualidades, axúdase aos participantes a expresarse a través da arte, traballando ao mesmo tempo outros aspectos coma a psicomotricidade. Ademais, estas actividades favorecen a integración e a mellora das relacións sociais dos maiores.
Os interesados en participar poden inscribirse tanto no Concello coma no Auditorio ou solicitar máis información a través do teléfono 659 06 37 14.