- Están a executar tabiquerías de ladrillo para distribuír o espazo que albergará, nun futuro, distintos servizos municipais
- Tamén se encargarán de instalar os falsos teitos, paredes e portas de madeira
Valga, 6 de marzo de 2018.
O alumnado do módulo de albanelería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia II, que comparten Valga e Moraña, comezou nos últimos días a traballar no interior do edificio de usos administrativos que o Concello está a construír na praza Manuel Vicente Cousiño, en Pontevalga.
Os traballos recollidos no proxecto consisten na limpeza dos paramentos verticais de pedra, que despois rexuntarán a base de morteiro coloreado. Xa se levou a cabo o replanteo e estanse a executar, tamén, tabiquerías de fábrica de ladrillo con morteiro para distribuír o espazo que albergará, nun futuro, distintos servizos municipais.
Esta mañá o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, visitaron a obra xunto ao arquitecto municipal, Serafín Vigo, e a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal Paz.
O alumnado do módulo de carpintería encargarase despois de preparar a madeira para os falsos teitos, paredes e portas do edificio administrativo. Ademais, fabricarán mobiliario urbano para instalar en distintos lugares do municipio.
Con estas obras, os alumnos poñen en práctica os coñecementos adquiridos previamente, se ben a formación teórica aínda continúa impartíndose nas aulas e nos talleres.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia II deu comezo a mediados de outubro de 2017 e prolongarase ata o mes de xullo coa participación de dez desempregados de Valga e outros tantos de Moraña. Os vinte alumnos, quince mulleres e cinco homes, estanse a formar nas especialidades de albanelería e carpintería por un período de nove meses durante o que perciben o salario mínimo interprofesional. A Xunta de Galicia aporta 280.000 euros para financiar esta acción formativa, mentras que as dúas administracións locais sufragan os materiais para as obras que os alumnos levan a cabo nos respectivos municipios.