- A actividade, levada a cabo en coordinación co Concello, incide na protección da saúde da infancia
- Puxéronse letreiros en Vilarello, no Parque Irmáns Dios Mosquera, e na Candieira, entre outros espazos
Valga, 20 de decembro de 2021.
A Unidade de Prevención das Condutas Adictivas, en coordinación co Concello, desenvolveu a finais da semana pasada unha campaña contra o tabaquismo centrada nos parques e zonas de xogo infantil.
Esta actividade consistiu na colocación de cartelería lembrando a prohibición de fumar nestes espazos destinados ao ocio dos máis cativos. As técnicas da Unidade de Prevención instalaron estes letreiros no parque Irmáns Dios Mosquera, nas pistas 3x3 de Campaña e da Candieira, na área fluvial de Vilarello e no parque situado fronte ao colexio de Baño.
Os carteis indican que a Lei 42/2010, de 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, prohibe fumar nos recintos dos parques infantís e nas áreas e zonas de xogo para a infancia.
Deste xeito, trátase de salvagardar a saúde dos máis cativos evitando a súa exposición ao fume do tabaco e desnormalizando o feito de fumar a ollos dos nenos, ademais de previr o inicio do consumo de tabaco a idades temperás.